Entrevista | Jamas Integrante de Dios ke te crew, hoxe en concerto no Playa Club

“Parecíanos triste que nos preguntasen sempre ‘que se sinte ao facer rap en galego?”

“De hai vinte anos queda a amizade. Sempre antepuxemos a amizade á música”

Integrantes da banda Dios ke te crew.   | // LOC

Integrantes da banda Dios ke te crew. | // LOC / Marta Otero Mayán

Unha das bandas máis consolidadas e veteranas da escena urbana galega, Dios ke te crew, celebra hoxe os seus vinte anos de traxectoria cun concerto da súa xira Tremendos anos vinte. Farano no escenario do Playa Club (22.00 horas) e na compaña do grupo Boyanka Kostova.

Que queda vinte anos despois de aqueles rapaces que conformaban os grupos Ghamberros e 5 Talegos e que despois se xuntaron en Dios ke te crew?

Queda a ilusión do primeiro día, que é o máis difícil de conservar, e sobre todo a amizade, que é a base do grupo. Eramos un grupo de amigos antes ca un grupo de música. Hai casos que son ao revés. Nós sempre antepuxemos a amizade a música.

Se a eses rapaces lles chegan a dicir que íamos estar vinte anos despois tendo esta conversa, xa como proxecto musical estable e consolidado, que pensarían?

Teríanos como uns puretas de coidado. Cando tes vinte anos, pensas que unha persoa de corenta é un avó. Pero si, sorprenderianse de levar en activo tanto tempo. Sobre todo porque de rapaces, ao principio, sempre es máis cabezatola. Ao mellor pasabámonos un pouco coa festa, e dis: aos 40 igual non estamos vivos.

Dios ke te crew viña da escena das crews de graffitti, coas que a música rap entroncaba conformando un universo urbano. Segue existindo este universo, ou está mais segmentado dentro da cultura urbana?

Quizais aqui en Galiza agora estea máis separado. Nós ao principio incluiamos as vertentes artísticas do movemento hip hop: a música, o rap, o graffitti, levabamos breakdancers aos concertos, o deejaying, que é a técnica dos DJs, e o beatbox. Nese sentido, aquí estamos nun momento moi bo en Galiza, con multitude de contidos, grupos moi bos, xente nova con talento, non específico de rap, mais si das músicas urbanas, como trap. Fanse cousas moi guapas.

Non se pode dicir que daquela non houbera unha escena rap en Galicia, pero si que era máis descoñecida, cun público máis específico. Agora está moito máis popularizada. Xa existe un mainstream?

Penso que si. No que é a escena máis underground dentro da música urbana quizais non, xa por definición. As cousas máis comerciais xa penso que si. Cando empezamos nós era un pouco para un núcleo reducido de xente, moi sectorial. Cando se facían jams, os que viñan eran rapeiros, xente que lle gustaba o movemento, non era común , como anos despois, ver a xente de outros paus, como rock ou folk. Tivemos a sorte de transcender un pouco iso, e aos poucos anos non tiñamos público xa só rapeiro, senón xente de todo tipo de gustos musicais.

Entendo que iso é bo.

Si, no sentido de poder chegar a máis xente. O que podemos botar en falta, xa non personificando no caso noso, falando de música feita en galego, é máis plataformas que difundan a cantidade de contidos que hai, que son de boa calidade. Botámolo en falta a nivel galego e estatal. Hai programas específicos de música brasileira, francesa, en Radio3, por exemplo, pero non en galego ou euskera.

Quizais é porque xa non se pode falar da música en galego como un único xénero que aglutina todo o que se fai nesa lingua. Sempre lles lembran que foron dos primeiros en facer rap en galego: de ser os “raritos” a ser case uns mais, pero co punto de veteranía.

Si. Iso é positivo, é bo que se normalice e non sexa noticia o feito de que cantes en galego. A min parecíame moi triste que me preguntasen: “que se sinte ao facer rap en galego?” Se un fala en galego, o natural é que o rap tamén o faga en galego. Iso perdeuse, gracias a dios.

Por outra banda, a esas novas caras da escena segue sendo habitual que nas entrevistas lles pregunten “por que en galego?”. Non sei se iso fala mal dos xornalistas ou da sociedade en xeral, polo feito de que siga sorprendendo.

Eu creo que da sociedade en xeral. A sociedade galega segue tendo un pouco ese complexo de inferioridade, aínda non acabamos de superalo. Queda moito por percorrer.

Subirán ao escenario do Playa co grupo Boyanka Kostova, con quen cantan ese “himno galego 2.0” que é o tema OG. Recoñécense nestas novas xeracións da música urbana, máis lonxe desa mensaxe reivindicativa dos seus inicios, pero que manteñen a retranca e o humor?

Si. Eles teñen ese son característico máis trap, pero totalmente. Son moi bos. Góstanos moito o que fan, temos con eles unha grande amizade, seguiremos facendo cousas en común e colaboracións, encantados. Saen dunha maneira natural, nada forzado, todo dende a amizade e a admiración mutua.

Suscríbete para seguir leyendo