Ecodicionario galego

39. Piroceno

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. m. Época xeolóxica,dentro do Holoceno, caracterizada polo impacto das emisións de gases contaminantes producidos por distintas combustións, principalmente queima dos combustibles fósiles e incendios. Esta definición non figura (aínda) no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Clima: conxunto das condicións atmosféricas, humidade, nubes, vento, chuvia, temperatura etc., que caracterizan un lugar, rexión ou país. Era: período de tempo que se caracteriza pola aparición dunha nova orde de cousas e que xeralmente comeza a partir dun suceso importante. Incendio: lume de grandes proporcións que se propaga facilmente e que causa importantes estragos. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: A palabra Piroceno (do inglés Pyrocene) foi proposta polo profesor emérito en ecoloxía e antigo bombeiro forestal norteamericano Stephen J. Pyne (n. 1949) na súa obra de 2015 Fire Age (Idade do Lume). A través deste neoloxismo, o profesor Pyne sitúa o foco na relevancia do lume (e, en xeral, dos distintos tipos de combustións) para entender non só as culturas humanas nos últimos 12.000 anos, senón tamén como se comporta e comportará o clima global. A súa visión “pirocéntrica” ten unha tripla compoñente: primeiro, millóns de hectáreas de terreo son queimadas cada ano fortuitamente ou para gañar terreo para pastos e para a agricultura, con notables exemplos no Brasil, Congo, Rusia e Australia (pero tamén en terras ibéricas), e cunha tendencia a aumentar cada ano. Segundo, os monocultivos forestais de especies pirófitas (en especial eucaliptos, piñeiros e palmas) están aumentando de xeito imparable en latitudes tépedas e tropicais do planeta, ampliando os efectos de lumes locais en termos de superficie e intensidade. E terceiro, o uso de combustibles fósiles (carbón, petróleo, gas natural) segue a ser fundamental para os países ricos, onde a transición enerxética se está a facer de xeito tardío e indolente, a pesar do impacto comprobado das emisións de gases contaminantes ligados á combustión de ditos recursos. En realidade, a recorrencia e virulencia dos lumes retroaliméntase co cambio climático, acelerado principalmente polas emisións de combustibles fósiles: maiores temperaturas, menores precipitacións e maior sequidade do aire e da vexetación.

Por que está en auxe esta palabra?: Fálase da “desestacionalización” das vagas de incendios, que nos últimos anos ocorren a miúdo na primavera e no outono (e non só no verán), caso dos recentes incendios en Asturias e en Castellón. A recorrencia de lumes en moitas áreas ven modificando o territorio, con perda de milleiros de toneladas de solos fértiles que non son capaces de rexenerar a vexetación de matogueira ou arbórea queimada. En efecto, unha das características do Piroceno é a aceleración de procesos de desertización e de perda de biodiversidade asociadas aos incendios, que, salvo accións decididas e globais, serán inevitables nun futuro próximo.