Vegalsa-Eroski enxalza a alimentación galega de calidade na súa rede comercial

O grupo empresarial dispón de máis de 300 referencias activas baixo este distintivo entre as diferentes enseñas comerciais, que ofrecerán até o 28 de xuño importantes descontos e sorteos 

O pasado ano, Vegalsa-Eroski incrementou un 14% as compras a provedores locais, destinando 455 millóns de euros

Representantes de máis de 30 provedores galegos de Vegalsa-Eroski no hipermercado Eroski A Sionlla, en Santiago de Compostela

Representantes de máis de 30 provedores galegos de Vegalsa-Eroski no hipermercado Eroski A Sionlla, en Santiago de Compostela / Jesús Prieto

B. C.

Representantes de máis de 30 provedores galegos de Vegalsa-Eroski reuníronse este venres no hipermercado Eroski A Sionlla, en Santiago de Compostela, para apoiar o arrinque da nova campaña de promoción de produtos de proximidade impulsada pola compañía de distribución alimentaria, que contan co respaldo do distintivo autonómico Galicia Calidade e que permanecerá activa na súa rede comercial desde este venres e ata o próximo 28 de xuño.

No acto de presentación participou o director de Compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa; o director de hipermercados, supermercados e gasolineiras Eroski, Florentino Vázquez e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; ademais de provedores e clientes que puideron degustar algúns dos produtos incluídos na campaña preparados polo chef do restaurante lucense España, que conta con dous soles Repsol, Héctor López. A degustación de viños que acompañou á cata correu a cargo do catador do mesmo restaurante, Francisco López. 

Escaparate de calidade para a alimentación galega

“Actualmente contamos con máis de 300 referencias activas de produtos con distintivo Galicia Calidade nas nosas insignias comerciais” sinalou o director de Compras de Vegalsa-Eroski, Jorge Eiroa. “Trátase dun compromiso claro cos alimentos da nosa terra e cos nosos provedores locais. A aposta polos selos de Indicacións Xeográficas Protexidas, Denominacións de Orixe e de Galicia Calidade, que impulsa a competitividade das empresas galegas nos mercados nacionais e internacionais, supón ademais un plus de valorización e dá resposta ás necesidades dos nosos clientes, cada vez máis comprometidos cun consumo responsable a través da adquisición de produtos de tempada, proximidade e calidade certificada. Campañas como a que arrincamos teñen por obxectivo precisamente resaltar estes produtos excepcionais e contribuír en dalos a coñecer entre os nosos clientes”, recalcou Jorge Eiroa.

Carteis de Galicia Calidade nun hipermercado Eroski

A campaña estará activa até o 28 de xuño en tódolos establecementos de Vegalsa-Eroski / Jesús Prieto

Ana Méndez, xerente de Galicia Calidade explicou que esta acción forma parte dunha “estratexia que estamos a desenvolver na canle retail para diferenciar os produtos certificados ante os consumidores”. Por iso, agradeceu a “valentía de Vegalsa-Eroski por ser a primeira” cadea de distribución alimentaria que promociona os produtos galegos con selo de calidade, o que “demostra o seu compromiso coa xeración de riqueza na comunidade, potenciando ao sector agroalimentario, que é un sinal da nosa identidade”.

"O obxectivo precisamente resaltar estes produtos excepcionais e contribuír en dalos a coñecer entre os nosos clientes", sinala Jorge Eiroa

Vegalsa-Eroski inicia esta acción apoiada por provedores galegos e o selo de garantía Galicia Calidade en tódolos seus establecementos das marcas hipermercados Eroski, supermercados Eroski Center, Eroski City e Autoservicios Familia e manterase activa até o vindeiro 28 deste mes mediante a sinalización dos produtos destacados en tenda e nos folletos comerciais. Ademais, a campaña inclúe importantes descontos para clientes socios do seu programa de fidelización a través da tarxeta Eroski Club e o sorteo de 120 Experiencias Galicia Calidade.

Comprometidos coa cadea de valor desde a orixe

Vegalsa-Eroski reforza cada ano o seu compromiso cos provedores locais a través do aumento do seu investimento en compras de proximidade, que o pasado ano incrementou nun 14%. En total, destinou 455 millóns de euros a adquirir produtos locais e con indicativo de calidade para abastecer a súa rede comercial de Galicia, Asturias e Castela e León, composta por 281 tendas.

Presentación, ayer, en Santiago de Compostela

Presentación, este venres, en Santiago de Compostela / Jesus Prieto

En 2022 a compañía colaborou con 1.113 provedores e pequenos produtores locais, dos cales 911 son galegos, 133 castelán-leoneses e 69 asturianos. Isto supón que case a metade dos provedores cos que colabora a compañía para garantir a calidade dos seus produtos son de ámbito rexional. Por categorías, a carne é sinónimo de frescura nos establecementos de Vegalsa-Eroski, procede de IGPs das Comunicades nas que opera a empresa por exemplo o selo de Tenreira Galega e é a categoría máis representativa en compras a distribuidores galegos, sumando 292 dun total de 520 provedores de alimentos frescos das compras realizadas e un total de 20.363 toneladas adquiridas.

A adquisición de froitas e hortalizas supuxo o pasado ano case a metade do total de compras de produtos frescos realizadas, con 25.294 toneladas. En canto a peixe e marisco, destaca a posta en valor por parte de VegalsaEroski da compra en orixe nas lonxas galegas e os máis próximos (Burela, Celeiro, A Coruña, Malpica, Laxe, Ribeira, Marín e Vigo). A súa adquisición en 2022 alcanzou as 6.171 toneladas.