Entrevista | Xosé Manuel Pereiro Vocalista de Radio Océano

“Non reivindicamos o pasado, pero tampouco o olvidamos”

Radio Océano, onte, na presentación da Fnac.   | // VÍCTOR ECHAVE

Radio Océano, onte, na presentación da Fnac. | // VÍCTOR ECHAVE / Marta Otero Mayán

A mítica banda coruñesa Radio Océano estrenou onte, na cafetería da Fnac e con Antón Reixa como mestre de cerimonias, o seu último traballo, Un furioso silencio.

De onde xorde a idea de financiar o novo proxecto a través dun crowdfunding?

Entre outras cousas, de que non tiñamos cartos nin posibilidade de conseguilos engañando a ningunha discográfica. Como tiñamos o gusto por gravar dende que fixemos Miña terra para Deleite, Uxío Novoneyra fillo dixo, ai, pois eu teño unha empresa de crowdfunding, e liamos a Ferror Records, que liou a outras dúas discográficas, e toda esa tropa de indigentes puxémonos en marcha.

Traen temas novos, máis resistense a deixar fora Narcisismo, ou Como o vento...

É que son temas que están ben. Somos moi vagos, imos a un tema por ano, pero a cousa é que os temas están ben. Contaba Julián [Hernández] que en ningún concerto lle deixaran de pedir Ayatollah!. Nós deixamos moitas cancións do repertorio que xa non tocamos, pero as clásicas, Como o vento ou Narcisismo, sería un pecado non tocalas.

Hai unha decisión algo insólita para os tempos das plataformas dixitais: deixan os catro temas míticos, Narcisismo, Como o vento, Miña terra galega e Vendidos, unicamente para a versión en vinilo.

Consideramos que quen ten o detalle de mercar un disco, merece un plus sobre quen o escoita ou o descarga dixitalmente. Somos conscientes de que dentro de 15 días eses temas van estar colgados en Internet, pero de feito eses temas non están mesturados para descarga dixital, pero si para vinilo.

Entre os novos temas está Un furioso silencio, que remite a un dos temas principais da súa traxectoria como xornalista: o Prestige. De que nos fala esta canción?

Nunca pensamos facer unha canción, quitando Tormenta de lume, que é polos incendios, que fose exactamente para algo concreto. Este tema foi nun principio como mais etéreo. Despois, cambiándolle os versos, e facéndolle contundente o estribillo, quedou algo así. Tampouco é unha referencia directa ao Prestige, pero si fala da xente que navega e non sabe moito por onde, de disparos na auga e da negrura que invade todo o que coñecemos.

A canción Serás eterno deixa unha conclusión: podes fuxir da morte, pero non da hemeroteca.

Si. Facíame graza, porque o estribillo foi posterior, pero queriamos facer unha canción para esa xente que che deu a lata toda a vida: primeiro, porque non eras suficientemente comprometido, despois, porque non apreciabas o Rioja como debería ser. Sempre estaban en situación de romperche a cabeza. Esto é un pouco o mesmo, pero coa diferencia de que coas redes sociais, agora podes dicir: “non me rompas a cabeza, que ti hai un ano estabas con este rollo”. Nese sentido, non podes escapar do teu pasado.

E Radio Océano pode?

Non queremos. No pasado eramos jóvenes, felices, alegres e inexperimentados.Non queremos escapar diso. Todo o mundo de novo é mais idiota que de vello, porque se supón que vas aprendendo, despois xa caes polo barranco, pero tampouco nos arrepentimos de nada. Non reivindicamos o pasado, pero tampouco o olvidamos.

Vai ben a segunda vida de Radio Océano?

Si, porque é unha cousa máis descansada, menos estresante, aínda que o que che molaba antes era que fose estresante, e acabar as noites cando xa rallaba o día. Agora non é tan habitual, e dende logo non recuperas tan rápido, pero si, senón non o fariamos. Non temos un contrato leonino que nos obriga a sacar un disco ao ano.