Entrevista | Manel Cráneo Debuxante e ilustrador, autor do cartaz de Viñetas 2023 e comisario dunha das mostras

“Viñetas debe seguir sendo un salón que mime e defenda aos autores”

“Estou contento de que se conte con colectivos locais nunha edición tan complicada”

Manel Cráneo, no seu estudio, posa co cartel do Viñetas 2023.   | // VÍCTOR ECHAVE

Manel Cráneo, no seu estudio, posa co cartel do Viñetas 2023. | // VÍCTOR ECHAVE / Marta OTero Mayán

O autor coruñés Manel Cráneo, director do colectivo Coruña Gráfica, está detrás da idea do cartel de Viñetas desde o Atlántico 2023. O debuxante e ilustrador exerce ademais de comisario dalgunha das mostras dunha edición do salón que, da man do Concello, afronta a súa transición trala renuncia do seu director, Miguelanxo Prado.

Está involucrado nesta nova edición de Viñetas. Cal é o seu rol?

Fixen o cartel, e me encargaron facer o comisariado dunha exposición desde a plataforma Coruña Gráfica, que dirixo, de autoras e autores locais da Coruña que fan banda deseñada na nosa cidade. Despois, botei unha man en algunha cousiña de obradoiros. Pouco máis, o meu cometido é ese. E facer o cartel, que xa me parece unha respo sabilidade absoluta.

Viñetas está nunha edición de transición, pero o cartel resiste o paso do tempo, e segue moi adscrito aos referentes do festival ata agora.

Si. Sorprendeume moito que se me encargase, porque, polo xeral, a liña era que o fixeran autores de fora, agás un par de excepcións, nunca con autor local. Por un lado pensas, que ben, que encargo mais bonito, pero menuda responsabilidade. Con dúas eleccións por diante, os prazos eran axustadiños, e houbo que poñer a máquina a funcionar. Tomei o encargo con moita responsabilidade e ilusión. O que intentei foi pasalo ben facéndoo.

No cartel vemos a Hércules e a Xerión loitando na Torre. Que quería contar?

O Viñetas é un evento da Coruña. A lenda conta que Xerión asoballaba a A Coruña, que tiña á poboación sometida, e que secuestrara unha manada de bois e estaba todo baixo o seu dominio, e Hércules veu liberalos a todos. Partindo da lenda local, parecíame bonito convertelos en personaxes de cómic cunha estética completamente de BD, o típico debuxo con liña perfilada para darlle máis forza, e logo, aparte, coller os elementos da lenda histórica e pasala ao contexto da BD: o rebaño son ovellas con bocadillos de pensamento, unha metáfora visual típica dos cómics. Dentro da Torre, cada parede é unha páxina de cómic, e dentro das viñetas hai atrapados elementos narrativos inventados para contar historias no cómic e que logo se estandarizaron noutras linguaxes: viñetas, onomatopeias, bocadillos…Parecíame bonito que o que tivese sometido Xerión foran todos eses elementos do cómic, e que veña armado con lápiz e man e, no canto dun escudo, unha páxina de cómic, o heroe Hércules, para liberar a todos eses elementos. E Xerión leva o seu propio sino: en lugar de levar un machado, leva un bocadillo cunha caveira, unha metáfora visual da súa propia morte.

Canto pode agochar unha viñeta!

É un cartel que ten moitos elementos e que pode dar moitas lecturas. Trátase diso, de que unha imaxe vale máis que mil palabras. Non sempre é así, pero ás veces unha imaxe ben traballada, con diferentes fondos de lectura e cos elementos ben organizados, pode ter moito fondo detrás.

É un dos coordinadores. Que sabemos da nova vida do Festival, que afronta unha reconversión?

Eu o que sei é o que poden contar tamén outros colectivos, como Autobán, ou a asociación Ánimas Anónimas, de animación. Chamaron aos colectivos locais, e a min encargáronme o comisariado dunha exposición en concreto, as que viñemos facendo tamén ao longo do ano con autores locais en Coruña Gráfica. É unha mostra de autores en activo, que teñen publicado cousas nos últimos cinco anos, e que exercen ou traballan na cidade da Coruña. Estou contento de que se conte cos colectivos locais nesta edición tan complicada. Todos pensabamos que o Viñetas ía desaparecer, todo era incertidume. A miña reacción foi de alegría cando vin que o Concello abría a porta totalmente para sacar isto adiante, con ganas, porque a situación pintaba complicada.

Contouse coas propostas do tecido de creadores locais para deseñar a nova edición e o novo rumbo?

Si. Tamén para enchelo de actividades paralelas, que penso que van estar moi interesantes. O que vin é que o Concello fixo unha boa xestión de exposicións, porque hai unha que vén do Reina Sofía, con autoras de cómic a nivel estatal, que está moi ben, paréceme xenial a de Calpurnio, un autor zaragozano que nos fixo rir a todos e gozar moitísimo con El bueno de Cuttlas, é unha referencia. Cando vin que había unha expo de orixinais de Calpurnio dixen: ben. E o mesmo con ese guiño que se fai a Ibáñez, que acaba de deixarnos, e o Viñetas será o primeiro evento de cómic en España que lle faga un guiño tralo seu falecemento. É unha figura que nos marcou ao 100% aos que estamos neste sector.

E aos que non están, tamén. Sitúase como unha figura transversal que enganchou mesmo á xente allea ao cómic.

Si, incluso hai xente que che di “Ti que fas, Mortadelos?”, e dis non, fago cómic, Mortadelo é unha personaxe de Ibáñez. A personaxe ten tanta forza que é como cando alguén vén e che pregunta se fas “chistes”. O humor gráfico en prensa ten tanta forza que che preguntan por iso. O peso de Ibáñez é moi grande na cultura, pero tamén a nivel internacional. Esas dúas homenaxes, no Viñetas, están moi ben, e as exposicións colectivas pintan moi ben. Está a mostra de Laura Pérez Bernetti, alucinei cando vin que a convidaban, porque ela está nunha especialidade do cómic pouco usual, a poesía gráfica ou comic poetry, que son autores que mesturan a poesía co cómic, e adaptan poetas a este medio, cousa que non é nada fácil. Que veña unha autora deste xénero á Coruña paréceme unha marabilla.

Xa había anos que se viña falando de lle dar unha volta ao festival Viñetas para chegar a novos públicos e abrilo a xéneros alternativos. Cal pensa que deben ser as liñas do novo Viñetas?

Eu teño unha opinión moi persoal: Viñetas ten unha serie de cousas moi boas que veñen marcadas de sempre, que son grandes acertos. que é ser un salón no que sempre se mimou aos autores. Estamos afeitos a que agora, en Estados Unidos, nos salóns hai máis artistas de cine polas adaptacións de Márvel e DC que os autores que pariron ás personaxes. A industria engule ao autor, os dereitos de autor non existen, a personaxe é dunha empresa. Viñetas sempre defendeu unha cousa que a min me gusta moito, que é seguir mimando aos autores. É importantísimo, porque vamos cara un futuro de incertidume coas intelixencias artificiais. Xa estamos vendo que unha maquiniña pode crear un debuxo con máis ou menos acerto. Defender a humanidade do sector creativo, que hai seres humanos detrás facendo un traballo creativo, nunca tan necesario foi. Viñetas debe seguir sendo un salón que defenda aos autores. Xa se verá que cambios pode haber. Eu quedo con que o salón se mantén a pesar do momento de cambio.

Suscríbete para seguir leyendo