Entrevista | Dores Tembrás Escritora e pregoeira da Feira do Libro da Coruña

“Ser pregoeira da Feira do Libro é a maior honra que recibo como coruñesa”

“O que importa é o contacto, o encontro, e vimos á feira porque necesitamos atoparnos coa xente coa que compartimos palabras”

O sorriso de Dores Tembrás é enorme. Con el expresa a súa gratitude e felicidade por ser a pregoeira da Feira do Libro da Coruña, que cumpre 52 edicións. Na súa intervención falou do tecido literario da cidade pero, sobre todo, de como os libros marcaron a súa vida. Desde El Quijote a A Esmorga pasando por Que me queres amor? ou Barroco. “Os libros que me compoñen con marcas que delatan tempo e lugar de lectura”, dixo, emocionada e tamén feliz de transmitir esta paixón aos seus fillos. “Eles tamén están atravesados polo amor das palabras”, resumiu.

Como chega esta oportunidade de ser pregoeira da Feira do Libro da Coruña?

Como unha honra e con moitísima ilusión. Cando recibín o convite foi unha gran alegría. Eu creo que é a maior honra que recibo como coruñesa. Estas semanas estiven buscando as palabras máis axustadas e precisas para o pregón e responder a esta honra que me fan.

Como coruñesa, esta feira forma parte do seu pasado?

Claro, a moitos niveis. Eu veño cos meus fillos cada ano. Para min, a Feira do Libro da Coruña son os días bonitos, é un lugar de encontro. Sen necesidade de quedar con ninguén, encontras á xente que queres, cos lectores, editores, clubes de lectura... É unha gran festa.

É un éxito que esta cita cumpra 52 anos nun momento de compras online, plataformas como Amazon ou libros electrónicos.

Absolutamente. O que importa é o contacto, o encontro. Vimos á feira porque necesitamos atoparnos coa xente coa que compartimos palabras, literatura, lectura, coas nosas libreiras. Ademais, é un encontro no que se volca a cidade. Sabes que aquí podes atopar as túas bibliotecarias. É un luxo. Eu creo que A Coruña é unha cidade cun tecido literario e cultural potentísimo. Moi potente. A feira é unha mostra máis dese tecido tan forte. Por iso merece todo.

Un encontro, ademais, para nenos e adultos. En Méndez Núñez hai sitio para todos?

Efectivamente. É para todos os públicos. Ademais, eu creo que a programación camiña cara aí, desde contacontos a encontros con autores novos e con clásicos. Intenta recoller iso.

E que libro compraría nestas casetas?

Barroco, da poeta Antía Otero, creo que é un libro absolutamente magnífico. Para ler en calquera momento pero tamén neste verán.

[object Object]

Un total de 32 casetas, dúas máis que o ano pasado, 13 librarías da cidade, nove librarías de fóra, nove editoriais e unha distribuidora de libros, ofrecen centos de propostas literarias na Feira do Libro da Coruña nos xardíns de Méndez Núñez, que comezou onte. Ata o 10 de agosto, os visitantes poderán non só mercar libros, tanto para público adulto como infantil, senón tamén gozar das máis de 180 sinaturas, encontros con autores e autoras, obradoiros e contacontos. O presidente da Federación de Librarías Gallegas, Ramón Domínguez, comentou na presentación da feira que estes días haberá máis de 70 actividades para “promocionar o libro e a cultura” e recordou que esta cita é “patrimonio de todos”polo que é importante “seguira avanzando en dar estabilidade e continuidade ás feiras”. “Esta feira, con máis de medio século de historia, é un dos eventos máis importantes, senón o que máis, da literatura en Galicia porque achega á Coruña o maior talento literario do momento”, sinalou a alcaldesa Inés Rey, mentres que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegurou que é “a feira máis grande de Galicia”, onde se celebran un total de 14. Hoxe, mércores, haberá un contacontos infantil con Chus Álvarez, un encontro con Ana Punset chamado Unicornia, obradoiro con moito brilli-brilli, no que firmará libros, unha conversa con Elga Fernández, as presentacións de Emma Pedreira, Carlos Lago e Alberto Mancebo e o encontro de Carlos Meixide, Xosé Monteagudo e Fran Alonso, ademais dunha vintena de sinaturas.

Suscríbete para seguir leyendo