Entrevista | Lucía Veiga Actriz protagonista da obra ‘Códice K’, que se estrea este venres no teatro Colón

“O perigo coa censura non está no espectáculo, senón na cabeza dos censores”

“Hai sete pecados capitais e ás veces a propia Igrexa peca en varios deles”

A actriz Lucía Veiga, na represtanción da obra ‘Códice K’.   | // AIGI BOGA

A actriz Lucía Veiga, na represtanción da obra ‘Códice K’. | // AIGI BOGA / JACOBO CARUNCHO

JACOBO CARUNCHO

O roubo do Códice Calixtino, acontecido na Catedral de Santiago de Compostela no 2011, é o eixo vertebrador da obra Códice K, que chega este venres ao teatro Colón (20.30). Unha peza teatral que dá unha volta ao sonado caso a través do humor e dun punto de vista que no seu día foi esquencido: o das mulleres. “As actrices participamos no proceso de creación, co que sentímonos moi parte do espectáculo”, explica a actriz Lucía Veiga, unha das protagonistas da obra.

Con que se vai a atopar o público este venres?

Vaise atopar cunha obra que fai pensar dende a comedia. Trátase dunha visión feminina do roubo do Códice Calixtino. Todo o caso implicou no seu día a un conxunto de personaxes masculinas e protagonistas: o electricista, toda a parte da curia, o deán… e non había mulleres. Nós intentamos contar a historia tamén dende ese punto de vista. A obra é unha investigación en tempo real, o propio espectador terá que ir sacando as súas propias conclusións.

Falas dunha obra feminina... Pero é tamén feminista?

Feministas somos e iso quedará sempre flotando sobre todo o noso traballo, pero neste caso non hai un conflito sobre o machismo. Aínda así, probablemente sexa feminista, porque se somos feministas non podemos evitar que quede ese perfume no texto, aínda que ese non sexa o obxectivo principal.

Que papel xogáchedes as catro actrices na creación desta obra?

Participamos no proceso de creación da obra e iso foi moi satisfactorio, porque sentímonos moi parte do espectáculo. Ademáis, seguen quedando partes que improvisamos cada unha, que saen de nós.

O roubo do Códice fora moi sonado no seu día e dera lugar a moitas teoría, rumores... Xogan algún papel nesta peza?

Santiago é pequeño e rumores hai sempre. O mundo da Igrexa, mal que lle pese, sempre está rodeado de ollos que vixían e critican certas das súas actitudes. Hai sete pecados capitais e ás veces a propia Igrexa peca en varios deles. Houbo moitos rumores de relacións entre clérigos, a relación tóxica do electricista co deán… Todo iso da pé a moita especulación. Intentamos centrar o espectáculo no roubo do libro e non somentes en certos rumores que ocurriron, pero é inevitable plantexalos porque así o viviu a sociedade.

Recibíchedes algún comentario por parte da Igrexa, algunha crítica sobre a obra?

Penso que non a viron e a verdade non sei eu se quererán vela.

Vendo os tempos que corren ultimamente, podería esta obra ser censurada de terse representada noutras comunidades autónomas?

Habería que estar dentro da cabeza do censor e as cabezas dos censores son difíciles de entender. Pero se cadra sí, podería ser, visto o visto non se pode cuspir para arriba. Pero o perigo da censura non está nos espectáculos, senón na cabeza dos censores.

Esta é a primeira función da obra en A Coruña, polo que xogas en casa. No teatro Colón partes con vantaxe ou suponche unha maior presión?

Actuar na casa sempre é especial. Ten a mestura de nervios, de autoesixencia, pero tamén de fachenda e orgullo, porque sabes que hai xente que te quere e sabe o traballo que hai detrás e van valorar o espectáculo. En A Coruña ímonos sentir como no salón da nosa casa.

Además de adicarte ao teatro, tamén presentas programas na televisión e estás na serie Rapa, que che valeu de varios recoñecementos nestes últimos meses, como os recibiches?

Foi moi sorprendente. Eu comecei moi humildemente na actuación da man da comedia, dende abaixo, case coma un hobbie. Os primeiros tanteos que fixen co drama foi a través da serie Rapa, que é o gran agasallo da miña vida. E que ese agasallo remate con nominacións e premios é algo que nun momento que era complicado para min, fose como unha cura de vida. Depois de moitos anos perdida profesionalmente, sen saber para que estaba eu aquí, para que tiña talento, isto compensoume outros moitos anos de pasalo mal.