Queeruña: diversidade entre liñas

O club de lectura LGTB da Coruña inaugura o novo curso na biblioteca do Ágora

Integrantes dun dos grupos do club de lectura Queeruña, na bilbioteca do Ágora co libro ‘Carol’.   | // V. ECHAVE

Integrantes dun dos grupos do club de lectura Queeruña, na bilbioteca do Ágora co libro ‘Carol’. | // V. ECHAVE / Jacobo Caruncho

Din que as bibliotecas son hoxe en día consideradas o terceiro lugar, onde os usuarios e usuarias acoden xa non só na procura dun libro, tamén para compartir experiencias, socializar e aprender de múltiples maneiras. Precisamente iso é o que fan os membros do club de lectura Queeruña, que unha vez ao mes reúnense na biblioteca do centro municipal Ágora para compartir as súas impresións sobre a súa última lectura, pero tamén para falar da actualidade, do día a día e de experiencias persoais, tecendo lazos que crean unha rede de confianza que fai deste club de temática LGTB un espazo seguro para todos os asistentes. Porque no Queeruña, o libro é só o punto de partida.

A iniciativa, posta en marcha no 2016 como resposta a unha demanda social, converteu ao Queeruña no primeiro clube de lectura desta temática en Galicia e o segundo de España. “Cando empezamos, ofertamos vinte prazas e só cubríronse once”, explica o coordinador do grupo, o bibliotecario Diego Maseda. Pero daquela a día de hoxe, as cousas cambiaron. O pasado ano tivo que crearse un segundo grupo de vinte persoas máis —en total conta con corenta prazas— para poder atender á “alta demanda”. E é que cando se abren as inscricións as prazas voan en cuestión de minutos.

O éxito do club reside, entre outras cousas, na súa especifidade temática e na propia dinámica do grupo. “É unha estrutura moi horizontal, non se diferencia quen é integrante do grupo ou bibliotecario coordinador. Todo o mundo ten os mesmos roles, pode poñer temas sobre a mesa, sacar outros ou suxerir lecturas”, explica Maseda.

Porque o Queeruña é moi queer en moitos aspectos: nas lecturas escollidas, nos seus integrantes, na mecánica —na que non hai quendas e calquera pode falar ou calar cando o considere—e na forma de ofrecer un espazo no que todo o mundo se sinta cómodo e seguro.

O primeiro grupo de asistentes inaugurou o novo curso o pasado martes no Ágora, onde cruzáronse caras novas con outras xa coñecidas. Entre os novos, Rubén Sanjurjo, que descubriu o club a través das redes sociais e que quedara sen praza o ano pasado. “Páreceme unha forma interesante de descubrir cultura a través da literatura e tamén unha forma de socializar nun espazo seguro para todo tipo de persoas”, comentaba tralo encontro. Entre as veteranas, Bárbara G. Vilariño, que pertence a Queeruña dende os seus inicios. “O club evolucionou estes anos no seu calado e na diversidade de xente que ven, que aporta moita riqueza”, apunta, para facer fincapé no valor social da iniciativa: “A parte social é importantísima, buscamos facer lazos e crear comunidade. Todos vimos con historias dificultosas que poñemos en común e arroupamonos”.

Rubén e Bárbara forman parte dun grupo moi heteroxéneo que fai que o debate sobre a lectura do mes sexa ben nutrido e interesante. “Xente tan diversa ofrece puntos de vista ben distintos”, comenta o coordinado, quen confesa que as sesións que máis lle interesan son nas que o libro non gusta. “Cando alguén ven a un encontro cun libro lido que non lería na súa vida é algo que me fascina e que me fai sentir satisfeito”, celebra Maseda.

Todas as lecturas escollidas xiran en torno a tres criterios: que haxa personaxes que estean tocados daldunha maneira pola diversidade LGTB, que a propia persoa que crea a obra o sexa ou que a historia narre algo relativo ao universo da diversidade. E que non falten lecturas da terra, porque como recorda Maseda, “o galego é moi queer

Queeruña é moito más que un club de lectura para quenes asisten. “Nunca preguntamos a quen ven novo se pertence ao colectivo LGTB, porque non é unha condición selo, pero o certo é que é o propio colectivo o que nutre ao club”, explica o coordinador, que ve que esta iniciativa vai maís alá dos obxectivos típicos doutros clubs de lectura. Se ben o libro é o esqueleto vertebrador, os diversos puntos en común entre os seus asistentes traspasan as páxinas. “Aquí técense redes de apoio, créase un movemento máis empoderado e créase un entorno seguro no que a persoa que tes enfrente é parecida a ti”, resalta Maseda.

É por iso que compartir un libro no Queeruña ten moitos máis matices que noutros clubs de lectura. “Eu hai vinte anos buscaba referentes e a día de hoxe os sigo a necesitar. Quero verme reflexada nalgunha realidade a través destas lecturas”, comenta Bárbara G. Vilariño. Porque no club, as persoas que asisten poden atoparse entre as liñas que están lendo e debatendo con quen ten ao lado en total confianza.

Pero esa conexión non queda pechada trala porta da biblioteca. Ao finalizar cada encontro, as conversacións e os debates trasládanse a un bar preto do centro Ágora.

Tempos de censura

O club de lectura Queeruña forma parte do programa As Municipais entenden, unha iniciativa posta en marcha no 2012 para integrar a cultura LGTB na rede de bibliotecas municipais da cidade e ofrecer recursos útiles á cidadanía como obradoiros, guías específicas, charlas ou recursos web para que todo o mundo poida ter acceso á unha cultura que reflexa a diversidade da sociedade na que vivimos. Unha diversidade que, a día de hoxe, está no punto de mira naquelas comunidades nas que a ultradereita xa forma parte do seu Goberno. Un tema candente últimamente nos foros de bibliotecarios, que ven o que está a acontecer noutras comunidades.

Están querendo censurar os contidos dun centro como é unha biblioteca, un espazo no que todo o mundo ten cabida e no que ten que haber recursos para tódolos públicos”, denuncia Maseda, que fai un chamamento para non deixar pasar este tema por alto. “En Galicia por sorte non está pasando, pero podería pasar e é necesario que a xente o escoite e saiba, porque é un tema que preocupa e non podemos deixar que ocurra”, conclúe o bibliotecario.

Suscríbete para seguir leyendo