Pablo Picasso coa bandeira galega

Na Coruña en 1893 o mítico artista foi unha das primeiras persoas na historia que se manifestou tras a actual enseña de Galicia, franxa azul sobre fondo branco, e resulta moi probable que el mesmo a portase

Pablo Picasso coa bandeira galega

Pablo Picasso coa bandeira galega

Rodri Suárez

O 50ª aniversario neste 2023 do falecemento de Pablo Picasso, un dos artistas máis relevantes do século XX, estivo acompañado de novos traballos sobre a etapa galega do autor, fundamental para entender a súa personalidade, técnica e visión creativa. P. Ruiz (así asinaba daquela) viviu entre 1891 e 1895 na Coruña, que atravesou a súa adolescencia e na que por primeira vez expuxo a súa obra, en mostras colectivas e tamén en solitario, con boas críticas. Están xa demostrados múltiples rastros da relevancia do imaxinario galego na súa obra iniciática, tamén posterior, que tras recibir escasa atención nos estudos picassianos durante décadas vén sendo posta en valor desde 2014, o que provocou deslumbrantes achados, que seguen en actualización.

“Na Coruña espertáronme os sentidos”. Así definiu o propio Picasso aqueles tempos en Galicia, á que chegou sendo un neno que debuxaba con acerto, pero como tal, e marchou sendo xa un pintor notable, tanto que a súa primeira obra mestra —A rapaza dos pés descalzos— creouna na cidade herculina, e foi da súa propiedade ata o final. Lavandeiras, gaitas, persoeiros, o Atlántico ou a Torre de Hércules quedaron representados nas súas obras deses anos, tamén algún suxerido a posteriori. Pero apenas se profundou nunha cuestión simbólica que o tivo como protagonista, a súa relación coa bandeira galega, só antes advertida polos dous principais expertos na súa etapa coruñesa, o xornalista Rubén Ventureira e a directora do EASD Pablo Picasso Elena Pardo, autores do libro Picasso, Azul y Blanco. A Coruña: el nacimiento de un pintor.

Pódese afirmar con seguridade que aos 12 anos Pablo Picasso participou nunha manifestación xunto á enseña galega tal e como a coñecemos agora, fondo branco con franxa azul desde o punto superior —e resulta bastante probable que el mesmo a portara— o que o converte nunha das primeiras persoas en facelo de xeito público. Máis complicado é saber se era consciente do seu significado, aínda que resulta difícil que, dada a súa demostrada atención ás simboloxías e o ambiente social da Coruña neses anos, fóra alleo, xa que se tratou dun tempo de eclosión rexionalista.

Como afirman moitos historiadores e tamén de xeito oficial a Xunta de Galicia, a bandeira galega provén da matrícula marítima do Porto da Coruña, que a emigración organizada adoptou como propia ao ser a derradeira enseña que vían antes de partir polo mar cara América. Nese sentido, resultou decisivo o papel do Centro Galego da Habana, propulsor tanto da bandeira como do himno galego e polo que se movían figuras galeguistas moi relacionadas coa Coruña, con Curros Enríquez e, sobre todo, Manuel Lugrís Freire como principais conexións. A matrícula portuaria herculina xa aparece nalgunhas reproduccións simbólicas na diáspora cubana desde a década de 1880, pero faino na forma de cruz azul de San Andrés, que nun decreto Real de xuño de 1891 perdeu unha das súas dúas aspas para evitar confusións coa Mariña rusa, que usaba idéntico distintivo. Así, ao eliminarse unha franxa, nace a actual bandeira galega na mentalidade dos galeguistas da Habana, que non tardarán en difundila, con éxito, tamén no país. E, por suposto, na Coruña, onde se converteu de uso común. Certo é que a prensa local da época refírese a ela como “matrícula da Coruña”, pero tamén resulta obvio que nese momento, e especialmente tras a revolta contra a perda da Capitalidade Militar en 1893, a identificación entre a cidade e Galicia é absoluta, dado o histórico carácter capitalino da Coruña no vello Reino, que ese ano estendeuse en forma de rexionalismo transversal por toda Galicia grazas ás Xuntas de Defensa, lideradas por nomes como o republicano Pérez Costales, íntimo dos Picasso, Salvador Golpe ou mesmo, fóra da cidade, Manuel Murguía e Alfredo Brañas en Compostela e Alberto García Ferreiro en Ourense.

Así, os primeiros usos indubidables que reseñou a prensa de Galicia da época sobre esa bandeira de franxa azul en fondo branco remiten ao carnaval coruñés de febreiro de 1892, cando La Voz de Galicia publica que a Tuna que crea para a ocasión o Circo de Artesáns leva “un magnífico estandarte coas cores da matrícula da Coruña”. Segundo Pardo e Ventureira, suponse que o futuro xenio da pintura acudiu aos festexos desas datas xunto ao seu pai, o mestre de Belas Artes José Ruiz —razón do seu traslado á urbe— e que atenderían en especial á carroza desa Escola, obra de Pedro Bono, outro dos seus ensinantes. Con seguridade —hai precedentes que o confirman— entre as cores escollidas nela estaría o azul e o branco.

Pouco despois, en abril, aparece a noticia de que o Centro Galego da Habana encarga en Santiago a confección dunha bandeira “de Galicia” que, segundo La Gaceta de Galicia, consta de “campo branco dividido por ancha banda azul diagonal, de esquerda a dereita”. Trátase da segunda descrición da actual bandeira galega, tras o decreto Real de dez meses antes sobre o cambio na matrícula marítima da Coruña. Obviamente, é imposible pensar que se trata dunha casualidade, dado que era un deseño único no mundo e os seus impulsores en Cuba eran persoas ilustradas e con información sobre o que representaba o rexionalismo coruñés.

Desta forma chegamos a finais de 1893, pouco despois da revolta herculina pola capitalidade militar, que tras o encarceramento de toda a Corporación e enormes protestas cidadás acabou forzando ao goberno a retirar a medida. Organízase na cidade unha marcha de apoio ás tropas españolas atacadas na primeira guerra do Rif, no norte de África. Milleiros de bereberes sitiaron Melilla, causando numerosas baixas. Iso xera unha ampla onda de solidariedade peninsular, dado que nesa altura case todas as ideoloxías, tamén republicanos ou rexionalistas, defenden ao exército, só algún sector anarquista desenténdese da cuestión.

Como en toda España, A Coruña organiza unha marcha de apoio ás tropas acosadas o 5 de decembro. Ás 10.30 da mañá, diante do Eusebio da Guarda. Desfilan multitude de rapaces, en organización sectorial. Diante, o Colexio Católico porta unha bandeira coas cores da bandeira española e un lema: Ayer, Gallegos; Hoy… Españoles, evidente referencia ao movemento galeguista que se produciu na Coruña en defensa da Capitanía. Dada a transversalidade da reacción social, só podemos especular se se trataba dunha mensaxe crítica ou, o máis probable, narrativa, posto que, máis alá dalgunha frase metafórica de indignación, as manifestacións herculinas dese verán de 1893 pediron autonomía para Galicia pero sempre dentro de proclamas de unidade española.

Logo camiñan outras escolas, o que resulta máis interesante en términos picassianos. La Voz de Galicia relátao así: “Todos os mozos pertencentes ás escolas de Comercio e Belas Artes marchaban a continuación en número considerable, levando tamén estandartes tan sinxelos como vistosos e de bo gusto”. Como se sabe, Pablo Picasso é xa nese momento un dos alumnos máis brillantes de Belas Artes e é obvio que alí estaba. E segue o xornal: “O (estandarte) do segundo (Belas Artes) de ditos estabelecementos, que representaba a matrícula da Coruña, foi saudado con palmas por varias das rúas que percorreron os manifestantes”. Aí está. Picasso xunto á bandeira de fondo branco con banda azul, a que xa tamén comezaba considerarse a galega e que talvez por iso, como destaca o cronista, é a que máis recoñecemento popular provoca.

É seguro que o pintor andaluz estivo alí, nunha mobilización que rematou con vivas a España e a Galicia. Pero tamén é probable outra imaxe aínda máis evocadora. Quen portaba ese estandarte coa matrícula coruñesa/bandeira de Galicia? Aquí si temos que deducir. Pero sabemos, tal e como afirman Pardo e Ventureira, que Picasso estaba nesa manifestación en “tripla condición”. Como alumno do Eusebio de Guarda, da Escola de Belas Artes e, tamén, como familiar do que xa é un dos grandes heroes españois desa guerra, un tío seu, Juan Picasso y González, que recibira poucas semanas antes a Laureada de San Fernando por ser capaz de cruzar tres quilómetros de liña inimiga para trasladar información. A prensa local relata esa fazaña, e na Coruña, María Picasso, a nai do pintor, recoñece na noticia ao seu curmán.

Alumno do Eusebio da Garda, talentoso debuxante en Belas Artes, fillo dun dos seus profesores, e familiar dun heroe de guerra. Son indicios que apuntan, é imposible sabelo, a que Pablo Picasso puido exercer de abandeirado da súa Escola naquela marcha, polo tanto o portador do seu estandarte, de franxa azul en fondo branco. A actual bandeira de Galicia, que xa comezaba selo nalquel tempo. Sabemos que alí estivo, detrás dela, pode ser que con ela na man. Sabemos do simbolismo que isto traslada. E, de forma especial, sabemos que as cores azul e branco son nese intre, e tamén despois, de enorme importancia para Picasso. Representan a pegada que deixou Galicia na súa arte.

Picasso en branco e azul

Pablo Picasso tiña, xa na súa etapa galega, mirada inqueda e atenta. Nunca a esqueceu. Algo trasladable tamén aos símbolos colectivos. Moitos anos despois lembraría onde viu a primeira bandeira republicana: “Foi na Coruña, na casa de Pérez Costales”. Ocorreu durante a recepción que o doutor coruñés, auténtica forza viva do progresismo coruñés na época, outorgou a Pi i Margall, o federalista que presidira a Primeira República. Tivo lugar na vivenda do médico coruñés, a uns metros da na que residía a familia Picasso, hoxe transformada en Casa-Museo municipal.

Tamén é coñecida a importancia que empezou darlle o pintor universal á política nos seus anos coruñeses. En 1893, tras unha discusión nun mitin na rúa da Franxa entre socialistas e anarquistas durante o acto do fundador do PSOE Pablo Iglesias, debuxaría a un grupo destes últimos, no que se trata da primeira imaxe coñecida do poderosísimo anarcosindicalismo da cidade, que comezou expresarse con forza xusto os anos en que Picasso chegou á Coruña. Así mesmo, existen copias da imitación de xornal utilizado polo neno malagueño como correspondencia coa familia durante a súa etapa en Galicia, que bautizou coa cabeceira Azul y Blanco, concepto cromático moi galego que tamén usaría nun poema posterior.

A insostible teoría sobre Murguía

A pesar de todas as evidencias que indican que a bandeira de Galicia actual naceu da matrícula marítima da Coruña, tal e como sosteñen varios historiadores e institucións, existe unha corrente que nega esa orixe, collendo como punto de partida un dato moi illado aparecido nun xornal sete anos despois de que un Real decreto definise a enseña de fondo branco con banda azul para o porto herculino. Desde aí creouse unha tese pola que o creador da bandeira sería Manuel Murguía, que, estando vivo, nunca na súa intensa e sempre polemista actividade reivindicou ese deseño, mesmo dixo o contrario. É máis, un feito tan relevante como ese tampouco aparece na moi seria, extensa e canónica biografía que sobre o precursor nacido en Arteixo escribiu o profesor Xosé Ramón Barreiro.

Esa pouco sostible teoría construída a partir de afirmacións moi posteriores, e nalgún caso con intereses políticos, defende que unha bandeira como a actual galega xa estivo presente, poucos días antes do Real decreto sobre a matrícula coruñesa, no traslado dos restos de Rosalía de Castro desde Padrón a Santiago. Nin unha soa das varias e moi detalladas crónicas que publicou a prensa galega naquel 1891, nas que se explica minuciosamente toda simboloxía que había en tal importante evento, afirmou nada sobre esa suposta aparición. Na actualidade, o Concello da Coruña comeza poñer en marcha un equipo de traballo formal para evidenciar e difundir a orixe herculina da bandeira de Galicia.