Ecodicionario galego

73. Eucaliptocracia

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. f. Réxime político que, teoricamente, estaría condicionado aos intereses da industria pasteira que se abastece de madeira de eucalipto. Esta definición non aparece no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Pasta: entre outras definicións, masa máis ou menos mol, de materias machucadas e diluídas; e, coloquialmente, diñeiro, cartos. Distopía: mundo imaxinario que se considera como fortemente negativo. Convivencia: acción e efecto de convivir, isto é, vivir xuntas dúas ou máis persoas Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: A verba eucaliptocracia é un neoloxismo de orixe grega que significaría, literalmente, “o dominio do eucalipto”. Aínda que aparece recollida en poucos textos, a idea da influencia do lobby do eucalipto no poder político, na sociedade rural galega, e mesmo en asuntos xurídicos, ven sendo tema de debate desde hai décadas. Como exemplo, en 1958 a ditadura de Francisco Franco autorizou a ocupación por 60 anos de terreos do dominio público marítimo-terrestre en Pontevedra para construír unha fábrica de celulosa. Dita factoría dependería do subministro de grandes volumes de madeira de eucalipto, condicionando a política forestal galega á plantación desta especie exótica, considerada invasora polos científicos. Dous anos antes de que expirara a concesión de ocupación dos terreos públicos pola pasteira (ano 2016), o goberno de Mariano Rajoy (daquela en funcións) ampliou ata 2073 dita autorización. Os recursos de varias entidades ambientalistas e da administración local serviron para que a Audiencia Nacional española anulara a ampliación de dita concesión. Así e todo, recursos da administración pública galega (Xunta) e un único “informe ambiental” que aportou a propia pasteira lograron que en 2023 o Tribunal Supremo español declarara “válida” a devandita prórroga. As críticas non se fixeron esperar, e verba eucaliptocracia comezaría a ser usada de xeito recorrente.

Por que está en auxe esta palabra?: Aínda que a industria do eucalipto orixina (supostamente) 5.000 empregos en Galicia (0,45% do total de persoas traballadoras en Galicia), condiciona a ocupación do 20% do territorio galego (máis de medio millón de hectáreas) con plantacións desta árbore exótica, que ocasiona graves danos a ecosistemas e aos recursos hídricos. Esta desastrosa ocupación do territorio con eucalipto aumentará se se autoriza a construción doutra celulosa no concello lucense de Palas de Rei. A fábrica estaría situada en terreos que deberían formar parte da Rede Natura 2000 (e ser legalmente protexidos) pola presenza de especies en perigo de extinción, tres delas endémicas. Os rechamantes esforzos da administración pública galega por negar os eventuais impactos ambientais desta celulosa (que suporían a degradación directa da cunca alta do río Ulla) volveu a traer á palestra do ecoloxismo a verba eucaliptocracia.