ECODICIONARIO GALEGO

80. Praga

Ácaros, unha das pragas máis abundantes.

Ácaros, unha das pragas máis abundantes. / https://www.flickr.com/people/155623578@N06

Cosme Damián Romay Cousido, biólogo

Definición: s. f. Gran cantidade de algo nocivo que afecta a persoas, animais e, en particular a agricultura. Tamén calamidade pública, gran desgraza que afecta toda a xente dun lugar. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Superpoboación: excesivo número de individuos dunha especie, en relación coas posibilidades de supervivencia, nunha zona determinada. Pesticida: substancia que se utiliza para combater unha peste. Patóxeno/a: que produce enfermidade. Estas definicións aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: na antigüidade, foron célebres as dez pragas de Exipto, relatadas na Biblia. Estre elas, describíronse pragas de ras, piollos, moscas e lagostas. Daquela xa se loitaba contra as pragas: os sumerios empregaron xofre contra insectos e ácaros hai case 4500 anos e, xa máis cerca da nosa era, os chineses destilaron extractos vexetais con propiedades insecticidas. Ademais, reaxustaron os períodos de sementeira para dificultar a aparición de pragas. As palabras peste e pandemia tiveron historicamente como sinónimo praga, sendo pragas a peste bubónica (causada pola bacteria Yersinia pestis, catastrófica en Europa entre 1347 e 1353) e andazos de cólera, gripe, varíola, tuberculose, lepra e malaria. Así e todo, e especialmente desde finais do século XIX, a verba praga referirase a axentes que interferían na produción de alimentos, na salubridade do gando e no benestar humano. Por exemplo, eran pragas insectos introducidos en Europa desde América, caso do escaravello da pataca (Leptinotarsa decemlineata). Nun contexto onde comezaban a empregarse pesticidas tóxicos, o entomólogo estadounidense Harry Scott Smith (1883–1957) introduciu o concepto de control biolóxico de pragas en 1919: coñecendo o ciclo biolóxico da especie problemática e dun inimigo natural desta, será máis efectiva unha eventual erradicación da praga, sen usar pesticidas.

Por que está en voga esta palabra?: o control biolóxico de pragas está actualmente en consonancia coa (necesaria) redución do uso de pesticidas arredor de todo o planeta. Así e todo, este control non está exento de dificultades: o cambio climático fai minguar poboacións de determinadas especies de vertebrados que depredan naturalmente sobre especies-praga, co risco que iso supón. As secas recorrentes causadas polo cambio climático poden causar estrés hídrico e debilidade a plantas cultivadas, expoñéndoas a novas doenzas e facendo inútil o control biolóxico. As novas condicións climáticas tamén provocarían a aparición de pragas en lugares antes libres destas, ás que sumarían especies invasoras introducidas accidental ou voluntariamente. Por último, apuntar que popularmente considéranse pragas especies que non teñen comportamento nocivo xeneralizado: falar de pragas de estorniños pintos ou de gaivotas patiamarelas nas cidades non ten fundamento biolóxico, e máis se atendemos ao claro declive poboacional destas dúas especies nas últimas décadas.