Revolución púrpura en tinta e papel

Hércules de Ediciones avanza na súa colección en galego de clásicos contemporáneos do feminismo con ‘Feminismo Terapéutico’ e publica ‘Basta!’, o seu primeiro cómic desa temática

Laura Rodríguez Herrera é a editora de Hércules de Ediciones.

Laura Rodríguez Herrera é a editora de Hércules de Ediciones. / Carlos Pardellas

Hércules de Ediciones amplía a súa colección Púrpura de clásicos contemporáneos do feminismo con Feminismo Terapéutico, da escritora e psicóloga andaluza María Fornet. O ensaio chega por primeira vez ao galego, ao igual que as outras ‘irmás’ da colección, iniciada en 2019. Ademáis, a editorial coruñesa publica Basta! Guía de autodefensa para adolescentes (e máis), das francesas María Kronsky e Marion Le Muzic, o seu primeiro cómic en galego con temática feminista.

“Como somos unha editorial independente, publicamos o que queremos e, neste caso, para min, como muller, era importante sacar adiante esta colección Púrpura”, subliña a editora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez Herrera, quen fai fincapé en que, aparte da súa “motivación persoal”, viron que existía “un oco na producción en lingua galega” para este tipo de compilacións. “Si que había libros de autoras feministas galegas que escriben orixinalmente en galego, e tamén había traducións de autoras feministas clásicas, pero non existía unha colección que recollese a autoras contemporáneas traducidas desde outras linguas ao galego. E nesta premisa basei un pouco Púrpura”, sinala Rodríguez Herrera, quen recoñece que, “cando empezas unha colección, nunca sabes se vai acabar pronto ou vai continuar”. “Pero aquí seguimos, case cinco anos despois, e con libros en perspectiva. Coa idea de continuar, porque esta colección Púrpura para min é moi importante e tamén moi persoal”, reitera.

Explica a editora que Feminismo terapéutico, de María Fornet, con tradución de María Fe González Fernández, é o oitavo libro da colección Púrpura de Hércules de Ediciones, mentres que Basta!, de María Kromsky e Marion Le Muzic, traducido por Raquel Senra, “é un libro feminista” tamén, pero “non está dentro de Púrpura porque non é un ensaio, senón que ten outras características”. “É en formato cómic, pero tamén é da mesma temática”, destaca.

Sobre Feminismo terapéutico, apunta Rodríguez Herrera que é, por suposto, un ensaio “dirixido a todos os lectores, porque se os libros feministas só os lemos as mulleres, tampouco ten moito sentido”. “É, ademáis, a primeira vez que publicamos un libro da colección Púrpura traducido do castelán. Nos primeiros títulos eu quería fuxir un pouco do máis obvio, do máis próximo, e buscar noutras literaturas. Traducimos de autoras inglesas, americanas, francesas… E despois de facer todo este ‘percorrido’ por outras literaturas e outras realidades, optei por fixarme xa nos libros en castelán. Este de Feminismo terapéutico, en concreto, eu lino nesa lingua. Gustoume porque, a diferenza doutras obras desta colección, que son máis específicas, para xente que xa está metida nestes temas, Feminismo terapéutico pode ser un primeiro libro para introducir a moita xente, non só mulleres, no que é o feminismo. Mestura coñecementos básicos sobre feminismo, e tamén de psicoloxía, seguindo o título de Virginia Wolf de Un cuarto de seu: esa idea de que as mulleres temos que atopar esa voz que temos dentro, apoderarnos e, unha vez que sabemos quen somos e que é o que queremos, como poñelo en práctica”, refire, antes de especificar que “tamén é un libro que anima á acción”. “A vivir a nosa realidade e, a partir de todos os condicionantes que temos na nosa educación, e téndoos en conta, saber realmente como somos, que queremos facer con esas cualidades e eses dons que temos, e como queremos funcionar no mundo”, engade.

Feminismo terapéutico é, así mesmo, un libro que recorre moito a autoras clásicas, a citas e a referencias que moita xente aínda non ten, posto que é importante ir coñecendo a eses referentes. E tamén é un libro un pouco de autocoñecemento, de autoaxuda, neste sentido de que tamén estamos moi necesitados (nestes momentos nos que hai tantos problemas de saúde mental) de entender como somos, por que nos pasa o que nos pasa, e dar solucións desde o mindfulness ou desde outras técnicas, para estar mellor con nós mesmos e vivir a mellor vida que poidamos ter”, prosegue Rodríguez Herrera, convencida de que “calquera lingua que quera ter un sistema literario maduro, non só ten que ter autores e autoras que escriban directamente en galego, senón tamén contar con traducións, incluso do castelán. Evidentemente, nós convivimos coas dúas linguas, e lemos en ambas tamén, pero si que é importante ir dotando o corpus de literatura traducida ao galego de obras interesantes como é esta”, recalca.

Coa mesma premisa publica Hércules de Ediciones Basta! Guía de autodefensa para adolescentes (e máis), das francesas María Kronsky e Marion Le Muzic, un libro que Rodríguez Herrera coñeceu “na súa edición tamén en castelán, publicado noutras linguas e xa en proceso de tradución noutras”. “Paréceme un libro cunha mensaxe moi potente, moi interesante e, ao mesmo tempo, polo formato de cómic e por como está contado, moi accesible a todos os lectores e lectoras. Fala de autodefensa feminista, como di o título (tanto desde o punto de vista da autodefensa verbal, como física) e, aínda que está dirixido a adolescentes, moito contido non está enfocado estrictamente a ese público, senón que calquera pode aprender algo coa súa lectura. Por poñer un exemplo, a min chamáronme moito a atención esas mensaxes claras de como identificar unha conduta violenta; como responder a ela sen caer no contrario e sobrepasarnos... Cuestións moi directas, para as que sempre hai un trasfondo ou unha explicación. E despois, claro, o formato cómic é moito máis sinxelo, máis directo, entra polos ollos...”, destaca a editora, quen incide en que tanto Basta! como Feminismo terapéutico “son libros para todo o mundo”. “Hai que quitar un pouco tamén este estigma que hai ás veces de que os libros sobre feminismos só nos interesan ás mulleres, e intentar que os homes tamén se acheguen a estas obras”, conclúe.