Ecodicionario galego

81. Evolucionismo

Cosme Damián Romay Cousido Biólogo

Definición: s. m. Teoría científica que explica a evolución das especies no transcurso do tempo. Esta definición aparece no dicionario da Real Academia Galega (RAG).

Palabras e expresións relacionadas: Darwinismo: teoría biolóxica de Darwin, segundo a cal as especies proceden unhas das outras, atendendo a un proceso de selección natural. Ciencia: conxunto dos sistemas de coñecemento con obxecto e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar. Creacionismo: crenza relixiosa ou pseudociencia que defende que a natureza, e aspectos como o universo, a Terra, a vida e os humanos, orixináronse con actos sobrenaturais da creación divina; rexeita explicacións científicas como a evolución. Estas definicións, agás a última, aparecen no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: Ata o primeiro terzo do século XIX, a historia natural —isto é, a ciencia pura— estaba dominada polos defensores da teoloxía natural, apoiada nos textos bíblicos e segundo a cal o funcionamento da natureza era un “plan de Deus”. Grazas aos traballos dos naturalistas británicos Charles Darwin (1809–1882) e Alfred Russel Wallace (1823–1913), esta concepción teolóxica da ciencia foi primeiro cuestionada —non sen oposición— e logo apartada progresivamente dos currículos escolares das democracias occidentais. O Manuscrito de Ternate (en inglés, Ternate essay) publicado por Wallace en 1858 e, sobre todo, a obra de Darwin A orixe das especies (On the Origin of Species), de 1859, foron fundamentais non só para entender os mecanismos de selección natural que están detrás dos procesos evolutivos das especies, senón para mudar para sempre a forma de entender a vida na Terra por parte da sociedade. O tránsito do creacionismo ao evolucionismo como teoría fundamental da ciencia foi lenta e con altibaixos. Por exemplo, as chamadas “guerras de Darwin” contra o evolucionismo nos Estados Unidos provocaron que estados como Tennessee prohibiran o ensino da evolución entre 1925 e 1967 (houbo casos similares noutros estados). Co devir das décadas, as cousas cambiarían no EEUU: en 2004 o ensino do creacionismo foi prohibido nas aulas de ciencias das escolas estadounidenses.

Por que está en auxe esta palabra?: O evolucionismo segue a ser a teoría científica prevalente no ensino das ciencias na maioría dos países do mundo. Con todo, abríronse nas dúas últimas décadas debates nalgúns países con gobernos ultraconservadores sobre e a posibilidade de ensinar nas aulas tamén o creacionismo ou “teorías alternativas ao evolucionismo”. Este é o caso do chamado “deseño intelixente”, que recoñece o proceso evolutivo pero vincúlao a unha “estratexia gradual divina”. Actualmente, o creacionismo prevalece en estados teocráticos (por exemplo Arabia Saudita) ou tradicionalistas (caso de Sudán); nestes países prevense duros castigos por pronunciamentos públicos a favor do evolucionismo.