Xabier Díaz rescata no seu novo disco a nana en galego de Picasso

O tema, ‘Alalá do Cebreiro’, está incluído no álbum ‘Axúdame a sentir’ | Recorremos co artista varias cancións claves do proxecto

Xabier Díaz, en una actuación

Xabier Díaz, en una actuación / Carlos Pardellas

mar mato

Axúdame a sentir é o último álbum de Xabier Díaz. O sábado 9, desvelábao no arranque da súa xira no Auditorio Mar de Vigo. Moitos foron os momentos especiais da noite e un deles veu coa interpretación do Alalá do Cebreiro. A canción é a que pecha o disco pero ademais conecta con Picasso e a historia. Era a nana en galego que o pintor lle cantaba á súa filla Maya no París ocupado polos nazis.

“Era unha historia descoñecida para min. Houbo unha exposición no Museo de Belas Artes da Coruña, Picasso, branco no recordo azul, que afondaba nos anos de adolescencia que pasou o artista na cidade herculina e o seu primeiro contacto coa escola de Belas Artes. A min, encargáronme gravar un alalá. A súa filla Maya, na vellez, confesaba que seu pai lle cantaba esa canción no asedio nazi na Segunda Guerra Mundial como un antídoto contra o medo. Como é posible que Picasso lle cantase un alalá en galego se só estivo aquí catro anos? Esa é a incógnita; pero ela mesma recita e canta unha parte da canción, a que di ‘Esta gaitiña que eu toco/ sente como unha persoa:/ unhas veces, canta e ri/ e, outras veces, xeme e chora’”.

Díaz decidiu investigar sobre o tema pero “foi moi difícil conseguir información que establecese o vínculo”. “Penso que a primeira vez que se estreou ese tema foi coa Coral da Ruada de Ourense. Probablemente, Picasso de mozo aprendeu a canción escoitando o temas nas rúas ou tabernas da Coruña ou nalgunha gravación que a súa familia levou en disco”, sinala Díaz.

O músico gravou o tema para a exposición de Picasso. “Non tiña pensado incluíla no disco pero veume ben para ampliar o repertorio do álbum. Fixemos unha parte melódica máis desenvolvida. Non ten que ver co resto do disco pero establece un contrapunto; ofrece un momento máis recollido”, engade.

O tema integrou o repertorio do directo no que principalmente presentou Axúdame a sentir, que saíu á venda este mes de marzo. Nel, atopamos á informante Teresa Reigía a cantar Xota dos Cucos ou a canción Axúdame a sentir —verso de Susana Trigo, quen escribe o limiar—, unha muiñeira de Santa Mariña cun ritmo diferente á tradicional (un compás de cinco en lugar de seis), quebrado como os que plantexaba nos seus temas Berrogüetto. A continuación, debullamos outros temas.

O recordo de seu pai.

Conta o artista que Muiñeira Irmandiña —coa que abre o cedé— “é unha especie de himno persoal”, que soñou “cando era máis pequeno” xa que ten “un vínculo coa historia familiar”. Lembra que seu pai, que aínda vive, foi unha persoa moi comprometida a nivel sindical e social. “Aqueles anos de nenez paseinos en entornos combativos. Iso proxectouse en min e esta canción ten algo de celebración desa herdanza, da tribo”, engade. Precisamente, ao tocala tivo Díaz un momento especial no concerto: “Cando a xente cantou o retrouso foi moi emocionante; escenificouse no teatro esa celebración do que herdamos, do noso lugar no mundo”.

Homenaxe a unha superfan.

O segundo tema do disco é Maruxa do benquerer e, tal e como Díaz sinalou no concerto de presentación, está dedicado a unha fan que atesoura dende hai moito anos e que o segue á meirande parte dos seus concertos, Maruxa Cadaval, de Ribeira: “Únenos a ela un vínculo emocional. Ela di que os nosos concertos son sanadores. Sempre nos trae algún doce. É unha relación marabillosa. Parecíame bonito dedicarlle esa canción”.

Unha chiscadela aos emigrantes galegos en Castela.

No álbum, atópase Liebre, un canto de sega que lle cantou unha señora de Vega de Valcarce (no Bierzo leonés). “Era un lugar de tránsito dos segadores cando ían ás Castelas. Probablemente, ela llo escoitou a algunha cuadrilla. É unha seguidilla poética, algo curioso no noso cancioneiro. Desenvolvina nun tempo estrano, nun 5/8, cun punto diferente”, indica Díaz.

A paixón pola xota de Bergantiños.

Conta Xabier que o maneo,o nome que lle dan á xota en Bergantiños, é un xénero que lle apaixoa especialmente. O escollido para este disco é Maneo náufrago. Para el, “os maneos teñen o plus de seren únicos e non se dan en ningún outro lado do mundo”. “Este é de Seaia, unha pequena parroquia de Malpica. Había tempo que quería musicalo. O texto está todo feito por min, case dunha pasada nunha tarde en Laxe onde pasei uns días o verán pasado. Fixen alí parte importante dos textos do disco. É un tema moi Chavela Vargas, cun amor con dor”, conta. Outra canción con toda a letra de Díaz é Pasodobre de Vigo dos Toxos, cunha versión diferente en directo.

Un tema mestizo.

Con Rumboia viva parte dunha canción popular de A Quenlla. “Coincidín con Marica Campo unha noite en Laxe e díxome que Mero lle contara que a Rumboia era como unha esmorga despois da esmorga, unha refesta, un reenganche. O texto é novo agás a copla de Viva Rumboia. É unha peza con guitarras afrobeat mesturada cunha ribeirana e violíns andinos”, apunta.

Suscríbete para seguir leyendo