Entrevista | Víctor Sampedro Catedrático e escritor, presenta ‘Voces del 11-M’ mañá na Coruña

“Un de cada tres votantes pensa que ETA tivo algo que ver no 11-M”

“Levamos 20 anos dun infundio que atribúe aos yihadistas unha intención electoralista”

O escritor Víctor Sampedro, co seu libro

O escritor Víctor Sampedro, co seu libro / Javier Ocaña

O catedrático de comunicación política e escritor Víctor Sampedro presenta mañá xoves, da man do Ateneo Republicano e dos xornalistas Xosé Manuel Pereiro, Consuelo Bautista e Virginia Pérez, o seu libro Voces del 11M. Víctimas de la mentira. No salón de actos da Fundación Paideia ás 19.30 horas.

O libro céntrase na revitimización dos afectados polo atentado: non só dos mortos e os feridos; tamén denuncia que os seus parentes e familiares foron relegados a vítimas de segunda clase.

Efectivamente. Este é un libro que intenta facer xustiza a xente que leva 20 anos revitimizada porque non asume o rol de vítima que o discurso oficial atribúe ás vítimas. Esta xente, sobre todo a asociación de Afectados por el Terrorismo del 11-M, que non asumen o rol clásico, impugnan o discurso antiterrorista oficial. Eles, nun comezo, primeiro negan ser vítimas de ETA; atribúen a súa traxedia persoal a unha guerra ilegal, como foi a de Irak, posiciónanse claramente en solidariedade coas vítimas que están acontecendo en Irak e en Afganistán, fan real un internacionalismo solidario e antibelicista, e polo tanto teñen que ser invisibilizadas.

Cre que non conviñan?

Non conviñan, porque hai mentiras que son insoportables despois de 20 anos. As armas de destrución masiva en Irak; o atentado en Madrid é unha consecuencia directa desa intervención. En outubro de 2003, Osama Bin Laden manda atentar en Madrid como consecuencia de que se entrou en Irak uns meses antes. Para entón, en outubro, non estaban convocadas as eleccións. Aznar e toda a súa xente minte descaradamente, entendendo que, o que aconteceu o 11-M, foi un intento de botarlle fora das eleccións. Nin Aznar nin o PP lle interesan nada á yihad.

Cando se fala de mentiras do 11-M, un dos relatos que máis implantación ten na memoria popular é a que atribúe os atentados a ETA. As teorías que cuestionan a verdade oficial, que falan de intereses electorais ou outras hipóteses son varias.

Esas teorías seguen tan en auxe que 1 de cada 3 votantes españois consideran que ETA tivo algo que ver co atentado; algo que non proba absolutamente ningunha testemuña, proba pericial avalada nin nada en 20 anos. Non hai nin a máis mínima evidencia de que ETA perpetrara ese atentado. Isto non o di Sampedro, senón dúas persoas que estaban na seguridade ás que entrevisto, Sánchez Manzano e Rodolfo Ruíz, que din claramente, dende o minuto 0, que eles sabían que non fora ETA, e así llo transmiten a representantes políticos e policiais. Levamos 20 anos dun infundio que atribúe aos yihadistas unha intención electoralista que non tiñan. Ademais diso, a xente que foi portavoz da conspiranoia continúa recabando diñeiro público, sendo subvencionada polo IBEX35, manteñen tribunas, e despois de dúas décadas non se retractan de nada, seguen cobrando nos seus dixitais subvencionados. En 2004, unha xente que supostamente representa á profesión xornalística subverteu, adulterou e prostituiu un código deontolóxico básico. Un nunca minte a sabendas, se se quere chamar xornalista.

No libro fía o relato a través de testemuñas que non variaron a súa versión dende o principio: vítimas, xornalistas e policías. Considera que houbo xente que mentiu deliberadamente?

Non hai dúbida ningunha. Tiñan que ser expulsados dos códigos, o recoñecemento gremial e profesional do xornalismo. Iso é o que doe mais: que unha xente que perverteu o protocolo que permite distinguir a un publicista e a un relacións públicas encuberto, a favor do mellor postor, un mercenario que encubre como información o que son mensaxes persuasivas a favor do pagador, non fora denunciada. Nin por asociacións de prensa, nin por sindicatos de xornalistas, nin nada. Os xornalistas foron suplantados por publicistas enmascarados.

Cales son os ecos destas mentiras das que fala hoxe, vinte anos despois?

Eu alucino con que compañeiros teus me pregunten se penso que, no momento actual, un infundio deste calado tería arraigo. Eu pregunto directamente: non liches a prensa de hoxe? Hoxe, determinado espectro político tacha de golpista e terrorista a alguén que mantén un proxecto diferente. Isto xa está acontecendo. É o maior atentado que houbo en Europa, o que marca o día das vítimas europeas do terrorismo, que ninguén no resto do mundo tivo dende o minuto 0 a constancia de que era Al-Qaeda, e temos a 1 de cada 3 votantes pensando que ETA tivo algo que ver, a 1 de cada 2 pensando que nin a policía nin a Xustiza fixo o que tiña que facer. Iso quere dicir que conseguiron deslexitimar o que era democracia, e que van polo asalto. Están criminalizando aos seus opoñentes, non recoñecen que hai unha opción, con toda a lexitimidade dos votos que ten detrás, dun estado plurinacional. Contra iso votan todo o seu arsenal, sexa lexítimo ou non.