Almas de Cántaro: “Somos un tributo a nós mesmos”

A banda de rock-humor Almas de Cántaro, impulsada por Oswaldo Digón e Gari Garrido, celebra hoxe os seus dez anos de vida na sala Garufa

Integrantes da banda Almas de Cántaro.   | // LOC

Integrantes da banda Almas de Cántaro. | // LOC / Marta Otero Mayán

“Somos un 99% de morro e un 1% de oído musical, polo menos eu”, conta o cómico Oswaldo Digón. A suma das porcentaxes dá un 100% de humor, o que senta as bases fundacionais de Almas de Cántaro, un proxecto que conxuga as risas coa música e que chega hoxe aos insólitos dez anos. “Nunca na vida imaxinamos durar 10 anos, en absoluto. A clave é actuar unha vez cada dous meses. Levamos tanto tempo xuntos porque non facemos xiras, e así non discutimos”, especula Digón sobre a entente con Gari Garrido que deu pé a unha banda que naceu como un tributo a unha agrupación coruñesa que nunca existiu, e que agora, cunha década de vida, tornouse xa en autohomenaxe. “Disfruto máis disto que de calquera das cousas que fago”, asegura o cómico.

Dez anos de humor, acordes e moito morro que lles fixeron merecedores xa da etiqueta de míticos. “Somos un tributo a nós mesmos. Esa capacidade de dicirnos a nós mesmos que temos un tributo é algo moi loco, e resume a filosofía do que somos”, sinala o humorista. Hoxe, Almas de Cántaro celébrase a si mesma cun espectáculo autoreferencial que non podía ter outro escenario: tal e como algúns futbolistas son one man club, eles son one band club: eles militan no Garufa. “Somos grupo residente. Non tocamos noutro sitio que non sexa no Garufa. Cando podemos xuntarnos para tocar, para nós é unha liberación de todo o demáis”, admite o monologuista.

O concerto levará ao escenario da sala coruñesa a noite deste mércores (22.00 horas) a moitas das persoas que os acompañaron ao longo da súa andaina como banda practicamente única na súa especie. Tamén os responsables permanentes de poñer a música á graza natural de Digón e aos aires de vello rockeiro de Garrido: Miguel Queixas, Juan e Luis Tinaquero. “Todos, nalgún momento da nosa vida quixemos ser estrelas do rock. É un pracer berrar e cantar os clásicos que nos molan, cunha marabilla de banda coma esta. Eles si que saben de música”, comenta Oswaldo Digón.

Os asistentes, este mércores á noite do Garufa, poderán esperar unha velada típica de Almas de Cántaro, pero “multiplicada por dez”. Canda eles subirán dar espectáculo moitos dos seus acompañantes na súa travesía de dez anos; entre eles, algunhas das voces femininas que abriron os seus shows a golpe de Highway to Hell. Tamén algúns dos guitarristas, baterías e vocalistas que foron, nalgún momento, un alma de cántaro. E que fai falta para iso? Un compoñente por riba de calquera outro: “Ter unha actitude como de estar de volta de todo. Disfrutar sen máis pretensións”.