Entrevista | Tito Asorey Director de ‘Go Home’, obra que estará no EMHU

“Todos somos turistas, pero ninguén se quere sentir turista”

“Para que haxa un teatro alternativo ten que haber teatro comercial”

Tito Asorey, director da obra teatral ‘Go Home’.

Tito Asorey, director da obra teatral ‘Go Home’. / CARLOS PARDELLAS

O teatro chega por primeira vez ao EMHU con Go Home, a obra dirixida por Tito Asorey que estará o 1 de maio no Teatro Colón. Entre risas, o director fala desta peza, que aborda o turismo nunha mestura de thriller e comedia negra. “A risa moitas veces ten ese punto necesario de crueldade, na peza hai bastante destrución”, avanza.

A nova peza que dirixe, Go Home, forma parte do EMHU, un encontro con moi boa acollida. A que cre que é debido?

A Coruña é un sitio onde o público creo que responde moito. Cando se presenta aquí una obra na que eu estou sempre ten moitísima aceptación. Hai empresas e compañías que levan moito tempo traballando e se fidelizou un público extraordinario. O humor tamén chama á xente, temos ganas de rir e ganas de encontrarnos.

Houbo que esperar catro edicións do EMHU para que chegue o teatro.

E eu encantado, nunca é tarde. Oxalá sexa a primeira de moitas.

Temos os galegos e galegas un bo sentido do humor?

Moitísimo, e moi propio. A retranca está aí, evidentemente, pero fora dese tópico Galicia é terra de humoristas extraordinarios. Tamén hai moitos humoristas contracorrente, que é importante. E ese humor negro, que tamén nos caracteriza.

Precisamente o humor negro caracteriza a Go Home, non?

E moi negro por moitas veces (rí). O humor é unha maneira extraordinaria de reflexionar sobre o noso mundo e, por que non, de facelo dunha maneira crítica sobre como se está movendo.

Por que elixiu o turismo como tema central da obra?

Eu creo que é un temazo, que eu vivo en Santiago (ri). Moitos lugares están pasando a vivir do turismo e iso causa moitos beneficios económicos pero hai algo que cambia neses lugares. Eu como habitante de Santiago vexo como está cambiando a cidade. Hai algo de disneyficación no turismo. Todos somos turistas e todos participamos desta problemática, pero ninguén se quere sentir turista. Queremos ter una experiencia o máis cercana posible á realidade pero iso é cada vez máis difícil. A peza reflexiona un pouco sobre iso. É moi divertida, ten moitas capas de significado e é para todos os públicos adultos (e volver ir).

Só adultos?

É unha peza por veces forte, moi intensa para os actores. Están durante a hora e pico que dura a función traballando con moita intensidade e dunha maneira moi divertida. É un humor físico, por veces, tamén. A risa moitas veces ten ese punto necesario de crueldade, na peza hai bastante destrución.

Destruír... para construír?

Estou seguro que é para construír. O teatro ten esa capacidade de axudarnos a construír novas realidades.

Está poñendo moita cara de pillo falando da obra...

Téñolle moitas ganas a esta peza. É un texto actual que dálle un valor específico con esa comedia negra que a min me fai moita ilusión facer, divírteme moito. É desas cousas que riste, pero non sabes se fas ben ríndote diso. Pero estaste rindo da crueldade, ou da violencia incluso, dunha situación extrema.

Pode sentirse entón incómodo o espectador?

Queremos que o espectador se sinta sempre ben e divertido. Pero o tema que se trata si que dá de falar. É unha maneira de ver o turismo que ao mellor non é a que estamos acostumados. Temos unha semana libre e xa estamos vendo a onde imos, parece de obrigatoriedade, de facer un check nunha lista.

Coma eses mapas nos que rascas os países que xa visitaches.

Exacto. A min iso fascinábame. Eses mapas era unha das cousas que eu tiña na cabeza. Levo cinco ou seis anos vivindo en Santiago e non a coñezo. Dende que vivo alí quitáronseme moitas ganas de viaxar. Cando eu saio fóra teño a mesma cara de despiste? Cómpre una reflexión sobre o turismo, e neste caso dunha maneira artística, cómica e divertida.

Goza de boa saúde o teatro galego?

Eu creo que si, hai propostas moi interesantes. Está nun momento de potencia, no que é quen de encher teatros. A xente ten que ver o teatro como unha forma de ocio, sexa comercial ou alternativo. Pero penso que para que haxa un teatro alternativo ten que haber teatro comercial. E teatro comercial bo, con bos textos que falen de temas que interesen.