Ecodicionario galego

Ecodicionario galego: 87. Deforestación

Ecodicionario galego

Ecodicionario galego / LOC

Cosme Damián Romay Cousido | Biólogo

Definición: s. f. Destrución da vexetación forestal dun terreo. Esta definición aparece no dicionario da RAG.

Palabras e expresións relacionadas: Ecocidio: calquera acto ilícito ou arbitrario perpetrado sabendo que existen grandes probabilidades de que cause danos graves, extensos ou duradeiros no medio ambiente. Reforestar: reintroducir especies forestais, mediante sementeira ou plantación, en terreos que estiveron poboados ata épocas recentes, pero que quedaron rasos a causa de cortas, incendios, pragas ou outros motivos. A primeira destas definicións non figura (aínda) no dicionario da RAG.

Cal é a súa importancia no ámbito do naturalismo?: a perda de cobertura forestal a nivel mundial é unha constante desde a última glaciación: desde a retirada dos xeos (hai uns 10.000 anos), o planeta perdeu un terzo dos seus bosques, eliminados polo avance da agricultura, a gandería e o uso masivo de madeira. Máis aínda, a metade desa deforestación ocorreu nos últimos 150 anos, primeiro en Europa e América do Norte e, a partires de mediados do século XX, centrouse en latitudes tropicais e ecuatoriais do globo. O “pico” de deforestación mundial aconteceu nos anos 80, cunha perda de 150 millóns de hectáreas nesa década (tres veces España). A deforestación non só implica perda de árbores: dana á fauna silvestre, aumenta as taxas de erosión, exacerba o cambio climático e merma a calidade da saúde humana.

Por que está en voga esta palabra?: actualmente, seguimos deforestando masivamente: perdemos 10 millóns de hectáreas de valiosos bosques tropicais ao ano (o tamaño de Portugal). A maior parte desta deforestación en países “pobres” é causada pola demanda de madeira en países “ricos”: España provoca a deforestación de case 33 mil hectáreas de selva primaria en diversos países tropicais, e a Unión Europea merca unha sexta parte da madeira procedente de selvas que se comercializa no mundo. Así e todo, a taxa de deforestación global diminuíu máis dun terzo desde os 80, e moita perda de bosque compénsase co rebrote natural dos mesmos. A foresta aínda cubre máis dunha cuarta parte da superficie terrestre global, e no caso de Europa e América do Norte, os indicadores biolóxicos da saúde dos bosques (diversidade, abundancia) son en xeral positivos, e a masa forestal aumenta. O arborado cubría unha cuarta parte da superficie española nos anos 80, e actualmente é xa un terzo do territorio. Unha nota importante: a corta de selva tropical non pode compensarse coa plantación de bosques nun país temperado, xa que non todo o arborado novo ten calidade ambiental. Por exemplo, as plantacións de piñeiros e, sobre todo, de eucaliptos, supoñen un aumento na cobertura forestal, pero tamén unha diminución do valor ambiental do territorio e dos seus servizos ecosistémicos.