A Cidade Alta reivindica á súa poeta

Unha exposición, un pleno da Real Academia Galega e o acto central da Xunta polas Letras Galegas homenaxean na Coruña a pegada literaria, social e política de Luísa Villalta

“A palabra de Luísa é, como o seu corazón, da Coruña”, confirmou Susana Villalta sobre o motor e o legado da súa irmá, que este venres foi homenaxeada polo Día das Letras Galegas na súa Cidade Alta. A Coruña acolleu os tres actos que renderon tributo á pegada literaria, social e política de Luísa Villalta: un plenario extraordinario da Real Academia Galega, no Teatro Rosalía de Castro; o acto central polo Día das Letras da Xunta, no Colón; e a inauguración da exposición Luísa Villalta. A música das palabras, no palacio de María Pita, actividade que abriu a xornada.

“Moita ilusión e moito orgullo. Estamos moi emocionados”, asegurou Carolina, filla de Susana Villalta, á saída da mostra no Concello sobre a súa tía, acompañada polo seu irmán, Sergio. Ambos flanquearan á súa avoa, María Gómez, e á súa nai no repaso á vida e a obra de Luísa, narrado polo comisario, Xesús Domínguez, e que combina fotos con textos, vellas placas da “Travesía del Papagayo” ou obxectos reunidos na faceta de coleccionista de Villalta.

A alcaldesa, coa nai e a irmá de Villalta, no Concello.   | // CARLOS PARDELLAS

A alcaldesa, coa nai e a irmá de Villalta, no Concello. | // CARLOS PARDELLAS / Sara Vázquez

O percorrido comezou pola infancia da creadora desde o bautizo mesmo, pasando pola primeira comuñón, “en San Pedro de Mezonzo”, como as tres mulleres da familia, apuntou a matriarca. A nai da artista ficou un instante absorta, algo melancólica, desarmada ante o panel, o primeiro, que amosaba os inicios da vida da súa filla, falecida hai 20 anos, en marzo de 2004, aos 46. Ao seu lado, Susana, con xesto amable, sorría, máis cos beizos que cos ollos. Viviu con enteireza e atención a visita á exposición a familia, entre a que se contaba tamén a máis pequena, Carlota, a sobriña neta de tres meses de Luísa.

Día das Letras Galegas: A Real Academia homenaxea a Luísa Villalta na Coruña, a súa Cidade Alta

Á saída, a deputada autonómica do BNG Mercedes Queixas transmitiu emocionada á nai “todo o cariño” que, asegurou, lle teñen á artista nas filas nacionalistas das que formara parte. Familiares, políticos, persoeiros da cultura e achegados poñían rumbo á seguinte parada. “Imos, abu”, atendeu agarimoso Sergio á súa avoa cando a comitiva se dispoñía a atravesar a praza de María Pita cara o Teatro Colón.

Santalices, Rey, Rueda, a nai e a irmá de Villalta e o conselleiro de Cultura.  | // C. PARDELLAS

Santalices, Rey, Rueda, a nai e a irmá de Villalta e o conselleiro de Cultura. | // C. PARDELLAS / Sara Vázquez

“A min, en ningunha clase de literatura me falaron de Prudencio Romo nin de Pucho Boedo [de Los Tamara]. Tratáse a música popular como unha arte menor. Aí está a presencia de Luísa Villalta”, oíase reivindicar a Xurxo Souto dende as ondas da Radio Galega na unidade despregada para a ocasión na Marina.

Un violín, o instrumento da autora, presidía o escenario do auditorio. “A Cidade Alta de Luísa Villalta é tamén a cidade da Real Academia Galega e do galeguismo moderno”, aseverou o presidente da entidade, Víctor Freixanes. Erixiu a Villalta en representante “desas novas xeracións que xa nos anos 80 e 90 se incorporaron á loita pola dignidade do idioma e de Galicia”. Desas que “sen seren formadas en galego, porque o contexto histórico non axudaba, incorporáronse á lingua desde a conciencia de querer ser isto”.

“Era unha activista daquilo polo que valía a pena loitar”, defendeu Freixanes. E unha traballadora incansable, segundo contou que lle relatou a súa nai: “Eu nunca vin á miña filla descansar. Sempre estaba facendo cousas”. O seu “activismo” pero, “sobre todo, a significación social que podía ter a figura de Luísa Villalta” foron os motivos determinantes para escollela como homenaxeada polo Día das Letras e convertela na sexta muller distinguida dende que se instituíu a celebración, en 1963.

“Viviu sempre acorde aos seus principios e traballou por Galicia. Captou a esencia da Coruña, a súa cidade natal”, describiu Susana á súa irmá na súa intervención no acto. “Muller comprometida e valente, que atopou nesta cidade o espello onde mirarse e recoñecerse”, retratou a alcaldesa, Inés Rey, a “unha das nosas, unha coruñesa do Gurugú”. Que reivindicou “ese vivir na Coruña que todos levamos dentro” dende a súa “oda á Cidade Alta”. “Luísa Villalta foi ese violín solista das nosas letras”, sostivo o presidente da Xunta no seu discurso. “Resume en si mesma unha xeración de escritores que modernizaron a nosa cultura, a nosa literatura e o noso orgullo”, concluíu Rueda antes de que Rosa Cedrón e o pianista que a acompañou poñendo música en vivo ao acto interpretaran o himno galego co público en pé.

En primeira fila camiñaba Alfonso Rueda no percorrido de volta pola Marina, esta vez con destino ao Teatro Rosalía. Andaban do brazo e cunha charla amigable Freixanes e Susana Villalta, que do outro lado sostiña á súa nai. Sergio, inmerso no día e no tema, falaba de linguas, acentos, do esperanto ou do inglés de Estados Unidos co compañeiro de ruta. Uns pasos máis adiante, retomou posicións o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que debutaba co cargo nunha das principais celebracións das súas áreas. “A ver, que nos separaron”, achegouse e colleu do brazo á nai das Villalta.

Non sae unha artista así “se non se ten unha nai súper”, felicitou agarimosa unha muller a María Gómez á súa entrada ao segundo patio de butacas da xornada. Nas táboas do Rosalía, o violín apareceu nas mans de Kiyoko Ohashi, que abriu o a sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega cunha peza de Bach, un dos compositores favoritos de Villalta.

A académica Ana Romaní analizou no seu discurso a obra “dunha escritora que inflexiona neste 17 de maio na complexidade e amplitude dunha obra que non daremos abarcado e que demanda ampliar o círculo, abrir as fiestras”. Louvou Romaní o “canto de resistencia e amizade que” a homenaxeada gravou na “imaxe fotográfica” que escribiu para retratar o Papagaio.

“Unha das figuras máis complexas, atraíntes e representativas da fin do século XX en Galiza”, definiu Margarita Ledo. Atribuíu un “tránsito constante por ámbitos, linguaxes, materiais” a Villalta “a paseanta”. “Fique para todas nós a pulsión poética dun faro que aquece e ilumina en presente e por mil primaveras a cultura e a lingua galega”, desexou.

Destacou Euloxio Ruibal a “prosa limpa, clara, precisa, sinxela á vez que poética” da creadora nun discurso no que repasou a súa obra dramatúrxica. Freixanes considerou a Villalta “exemplo dunha xeración a cabalo entre dous séculos que alzaba con entusiasmo o facho dos avós e non renunciaba ao futuro”.

Liderou Estíbaliz Espinosa as voces dos presentes no himno que, acompañado polo violín, puxo o broche ao acto. Eran preto das dúas. Saíra o sol e soaba en Riego de Agua,desde un móbil, o himno galego, agora interpretado por unha gaita. E en San Agustín tocaban gaitas, pandeiretas e un bombo música popular galega.