Seica onte había derbi en Riazor. Seica. Porque semella que houbo algúns, que vestían camisola branca e azul, que o esqueceron, iso que durante toda a semana a cidade parecía non vivir para outra cousa. Por iso pasou o que pasou. Estabamos co conto de que o Celta viña de xogar o xoves en Rusia un partido intenso, de que tivera que voar oito mil quilómetros, do cansazo dos futbolistas e de non sei que historias máis para que chegue o momento e se xogue ao que queren os vigueses. Non o entendo. Por primeira vez desde que chegou, Pepe Mel tivo días dabondo para preparar un partido, neste caso é o partido, mentres que o adversario estaba coa mente noutras historias e acontece o peor de todo. Amólame que gañe o Celta en Riazor, amólame, pero non teño argumentos para dicir que é inxusto o seu triunfo. Era un partido de empate a cero. Era un partido para esixir aos celtistas e comprobar ata que punto podían aguantar un xogo cun ritmo alto, era un encontro para facer correr ao rival, era? bla, bla, bla. Foi un partido no que o Deportivo bailou á música que marcaron os celestes. Pouco máis hai que dicir. Poucas veces terá o Deportivo ao seu eterno rival en situación tan favorábel para superalo, mesmo machacalo, pero polo que se ve non hai... convicción? Dous remates entre os tres paos, pouca presión, nada de fútbol, só agardar. Xa non sei. Este encontro lembroume o de Leganés polo comportamento dos futbolistas coa diferenza de que xa non está Garitano (por se alguén o esqueceu). Este encontro lembroume ao Barça en Riazor despois de remontar ao PSG, pero hai algo importante, neste caso o rival era ese ao que hai que gañar polo civil ou polo criminal.