Din que mentres un soña mantén viva a ilusión, que non é unha realidade, que son esas cousas que un adoita vivir. Agora xa non hai soño nin ilusión, porque rematou todo cun descenso máis que agardado. Pero non por iso deixa de doer. Onte había cativos en Riazor que foron quen de aguantar as bágoas, e outros que non son xa tan cativos. Iso é sentimento. E voltarán estar aí, con esa idea de tardar pouco en atoparse entre os grandes. Hoxe xa non chorarán e voltarán a ilusionarse cun futuro que aínda está moi lonxe, outro soño alén de disputas e intereses persoais. Terceiro descenso en oito anos despois de ter aturado tres campañas con salvacións ao límite. Cando andas arriscando tanto o peor acontece, iso que este ano semellaba que había un plantel para estar moito máis arriba. Si, eu tamén estaba convencido, pero? o fútbol é así. Rematou cun bo partido, pero diante estaba un rival moi superior que sen moito marcou catro goles, e non foron máis polo traballo de Rubén. Rematou e hai que? tirar cara adiante. Non sei como se poderá facer cando faltan tres partidos para que remate a Liga; non sei como se pode xogar un partido sen... nada, agás o do sábado. Ese hai que gañalo. O peor dun día como o de onte non é que se consumase o descenso, é que non recibín desde Barcelona unha chamada desas agarimosa, das que precisas nos momentos malos; non a recibín porque desde desta semana xa sei que nunca máis poderán chamarme. Semana moi triste. Que a terra che sexa leve amigo. Aquí nós voltaremos!