Ollei onte outro Deportivo, moi distinto nalgún aspecto ao dos encontros anteriores, mesmo o que disputou contra o Sporting, que tamén foi en Riazor. Botaba eu de menos que o equipo pisase moito máis o área adversaria, e onte fíxoo case desde o comezo do xogo con algunha chegada que puido ter rematado doutro xeito. Ese é outro asunto, pero é certo que os dianteiros non se poderán queixar desta volta. O único que mudou foi que xogaron Pedro Mosquera no sitio de Álex e Carles Gil na vez de Pedro, alén da entrada de Saúl no lateral esquerdo, que non foi cuestión menor. Eses son os nomes, abondaron para que o equipo se transformase? O certo que vin onte a un Vicente que se achega xa moito a ese futbolista que era salientábel en Las Palmas e a un Saúl espectacular nas dúas facetas, con envíos de remate con moito sentido e non tirar por tirar. Foi o máis salientábel que ollei eu onte en ataque dos futbolistas do centro do campo. Dos dous de arriba gustoume case todo. Moito o que fai Carlos co balón e sen balón, agás certas precipitacións; e moito o de Quique con e sen balón. Como protexe, como se revolve, como decide. Mágoa do seu erro no gol do Granada, porque aguantara moi ben, pero mandou a pelota ao lugar errado. Pablo Marí tivo que meter o pé e facer falta nun lugar moi perigoso, como se demostrou. Tamén certo perigo ten este árbitro. Non sei como pitou o penalti porque estaba a amosar unhas cousas que non me gustaron nada. Non se debe de pitar so con tarxetas, pero hai que usalas.