Levo moito tempo defendendo que un adestrador precisa a lo menos catro meses para que se olle o resultado do seu traballo, sempre me refiro máis ou menos ao parón de decembro, e este Deportivo leva tres meses traballando e cuns resultados que son positivos. Novo adestrador quer dicir que hai un novo estilo e un novo sistema, e ademais con novos futbolistas. Van nove partidos xogados, aos que hai que engadir o mes de preparación (sen todo o plantel traballando) e mesmo así pódese dicir que o Deportivo é un equipo, alén dos futbolistas. Sen dúbida calquera estilo depende dos obreiros, neste caso os xogadores, e polo que se pode comprobar teoría e práctica van da man. Natxo ten unha idea e foi quen de transmitila, pero tamén os futbolistas foron quen de asimilala. É certo que a goleada do venres deu azos aos seareiros, moi necesitados dunha vitoria deste xeito, pero meter máis ou menos goles so é unha casualidade, porque o fútbol é moito máis que iso. Acadou o Deportivo perante o Elche o triunfo máis amplo desde que comezou a temporada, o que considero máis importante é saber por que.

Se buscou as razóns -sempre o fago con todo, aínda que moitas veces non teño éxito-, atopo que o Elche foi un equipo que quixo xogar e que foi buscar ao Deportivo ata arriba, mentres que os outros tres que pasaron por aquí amosaron uns recursos moi cativeiros (Málaga, Granada e Sporting). Os malaguistas levaron un punto e os outros dous perderon pola mínima. E os tres facendo moito menos do que propuxo o Elche. É o fútbol. A proba de que isto vai como vai é que o líder segue á fronte da clasificación con catro puntos máis que o Deportivo, segundo, e propondo moito menos que os coruñeses. Ollei varios partidos do Málaga, e xa de varios equipos de Segunda, e este líder semella ser moi frouxo desde a miña opinión. Pode que dure aí arriba, aínda que penso que non vai ser moito, xa que non podes apostar a xogar 42 partidos pechado atrás e agardando a que che saia ben unha oportunidade para marcar o gol do triunfo. Aínda que isto só é unha opinión.

Tamén o é o que penso do conxunto de Natxo, o mellor da categoría sen dúbida e non polos nomes, digo polos feitos. Ten o adestrador vitoriano un plantel no que case pode xogar calquera sen que o bloque perda potencial e tampouco intensidade. Este Deportivo acadou o resultado máis amplo sen Vicente -sen dúbida o mellor futbolista de Segunda-, sen Quique e sen Cartabia, que son outros xogadores chamados a marcar as diferenzas na categoría. Alén dos nomes, o equipo branquiazul xoga dun xeito, con máis ou menor profundidade, con máis ou menos acerto, pero a idea mantense co balón como protagonista. Se o adversario deixa máis espazos resulta máis doado chegar; se o rival é como o Málaga, con todos colgados do longueiro, o camiño cara a portería é moito máis difícil. Xa sei. Sei que calquera estilo vale para acadar os resultados, pero vai ser que en Riazor non todo vale, e non é algo de agora, é desde que eu lembro. Gusto deste Deportivo tanto que estou certo que é o principal favorito para acadar o obxectivo do ascenso. É cedo, pero Natxo e os futbolistas fanme pensar así.