Quince xornadas tardou o Deportivo en ocupar un posto de ascenso directo, iso que arelaba moita xente, pero que aos profesionais non lles corría excesiva presa, polo que veñen dicindo nas últimas semanas. Eu son dos que penso que mentres esteas aí e chegues con posibilidades cando hai que chegar xa abonda, pero tamén digo que cantos máis sumes e dá o mesmo cando sexa, moito mellor. Prefiro que os rivais ergan a cabeza e ollen para min, que ser eu o que teña que facer números para saber se vou dar acadado o obxectivo. De momento está todo moi apertado, con cinco equipos en seis puntos, entre eles aquel Albacete que estreou a competición cun empate perante aos coruñeses; si, aquel equipo que dabondo faría se acadaba a permanencia. Quen dicía que aquí hai moito que arar tiña moita razón. Velaí un Alcorcón, o único que foi quen de gañarlle aos coruñeses, que segue no alto da táboa e con tres puntos de vantaxe; velaí o Málaga que agora é terceiro, cun punto menos que o Deportivo, e iso que gañou dunha tacada os cinco primeiros partidos. Xa, pero os da Costa do Sol erran moito lonxe do seu feudo. En La Rosaleda gañaron todo; Alcorcón e Deportivo cederon un empate como locais, pero van rabuñando cada vez que viaxan.