Os resultados marcan todo, quizais por iso agora mesmo todo se olla moi escuro no Deportivo, que está a pasar pola peor situación desde que comezou a temporada por eses tres partidos consecutivos sen marcar e, loxicamente, sen gañar. Entre eles aquel diante do Lugo en Riazor que rematou con empate, malia que os lugueses remataron o encontro con nove futbolistas. Son estes tres encontros, nos que se atopan as derrotas en Cádiz e en Palma, os que marcan as sensacións. Porque en definitiva todo é sensación. Porén, se imos aos números a cousa non está tan negra como se pode pensar. Entendo ese malestar e mesmo ese cabreo porque o equipo está a deixar pasar moitas oportunidades para ter marcado certa diferenza na táboa; e todo o que se perde xa non volve. Nin no fútbol, nin noutros eidos desta vida. Entendo ese cabreo porque mesmo eu me sentín defraudado polo que ollei en Palma. Xa non tanto co partido do Lugo, porque aí si que o Deportivo tivo oportunidades para marcar e para ganar. Non entra o balón e pouco hai que dicir, só agardar que os rematadores estean máis acertados. Por xogo? Que é o xogo? Un xogo significa divertimento, e eu non me divirto con este equipo. Todo o contrario porque os futbolistas que se supoñen me teñen que facer pasar un bo rato, eses do bo pé, non dan aparecido. O peor é que nin agardo por eles. Por iso, só busco vitorias. E ollo cara o Málaga, que ten tres puntos máis, pero que nin así está en postos de ascenso, e que non me ofrece nada. Se remata ascendendo ninguén vai lembrar como xogou. Ou alguén lembra cantos puntos fixo o Deportivo lonxe de Riazor na segunda volta da temporada 1999-2000? Si, esa na que Riazor festexou a súa única Liga.