Disque saír primeiro vén de causar un desgaste do que os rivais poden tirar proveito; disque arrancar primeiro dá certo pulo e ofrece certas garantías para acadar a meta. Iso debe pensar Jesús Martínez Loira, que anda dando voltas para chegar a se converter en presidente do Deportivo. Non pasou nin unha semana desde que Tino Fernández anunciase a súa dimisión, tamén todos os seus compañeiros de xunta, e Loira xa deu ese primeiro paso. Disque non vai a cegas. Quer dicir que conta con certos padriños que lle garanten posibilidades de éxito. Non sae para ver que pasa. É un deportivista sen outros -istas. Mantén moi boa relación co actual presidente e co anterior, que vén sendo algo así como sinónimo de unificación. É o que quere, segundo contan. Tampouco sei moito que hai que unir porque se a pelotase tivese entrado na portería adversaria agora seguro que nin se prantexaría comezar esta carreira. Pero non foi. E decidiu entrar co obxectivo de poder ser o presidente dun novo ascenso. Tampouco é que lle preocupe ser el o que estea á fronte do clube cando remate a tempoada porque segundo alguna persoa achegada o que quere é que o Deportivo acade á volta a Primeira, sexa ou non presidente. Mesmo falaban de dous ascensos, porque ten moi presente o que faga o equipo feminino, que onte comezou a loita por acadar á elite do fútbol feminino español. Primero paso a vitoria en Murcia; quedan tres. E de non haber outras opcións, Martínez Loira podería estearse no cargo con dous triunfos históricos.