Resulta doado entender certas cousas que acontecen nun terreo de xogo a pouco que se xogase un tempiño e aínda que non se chegase lonxe. Alén do nivel deste plantel, criticado por moitos que non cal é o que dan ou deron, hai un factor que inflúe moitísimo no desenvolvemento dos partidos, que vén ser o mesmo que dicir do xogo: os resultados anulan a confianza. Iso que dá seguridade cando executas calquera acción sexa o que for o teu rol no equipo. Isto medra de xeito xeométrico cando ademais non hai ningún futbolista que decida dar ese paso cara adiante para ter o balón. Esta ausencia causa que a pelota queime como se fose unha bola de lume e que calquera que a reciba a solte á primeira, con boa intención, pero sen sentido algún. É o fútbol, mesmo diría que o deporte. Porque tamén existe a outra parte, esa cando fagas o que fagas todo sae perfecto. Como se chega a isto? Con resultados positivos. Como se acadan? Con confianza, seguridade e sabendo o que hai que facer. Non é complicado, pero a estas alturas do conto tampouco é doado. Por iso, quizais, o patadón dos defensas „o seu labor é evitar que os adversarios cheguen á súa portería; o resto, xa virá„. É un xeito de non complicarse, pero hai que saber que hai que manter o lugar porque por cada patadón cara arriba supón darlle a pelota ao adversario para que volva argallar outra xogada de ataque. Esa pode ser unha decisión, pero saben o que se fai. Calquera estilo é axeitado, goste ou non. Eu prefiro xogar, pero estou farto dos futbolistas que só xogan cando teñen o balón, e non sempre.