18 de noviembre de 2019
18.11.2019
La Opinión de A Coruña
"Qué duda cabe!"

Cando se esquece o pasado!

18.11.2019 | 00:06

Non se debe esquecer o pasado para evitar cometer os mesmos erros no futuro. Unha frase dabondo coñecida, pero moi esquecida na miña opinión, que hoxe ten sitio en moitos aspectos da vida. Mesmo no fútbol, que é o que me ocupa no eido profesional. A situación actual do equipo para min é accidental, quero dicir que hai futbolistas para moito máis, outro conto é que haxa equipo. Hai que atopar as razóns deste desastre, que teñen que estar no eido deportivo e teñen que seren os técnicos os que dean coas solucións. Desde logo eu non son quen para discutir con ningún os seus coñecementos, como tampouco farei con outro profesional dun eido que descoñezo, malia que sei que hai cousas das que todos cren saber. E o fútbol é unha delas. Agora mesmo a situación é límite non por baixar a Segunda B, que non sería a primeira vez, senón polo que suporía. Dixo Paco Zas, o presidente, que o club ten viabilidade nesta categoría, aínda que hai informes que din que non. Isto quer dicir, que por mor da débeda o centenario clube podería morrer se sae do mundo profesional. Algo semellante ao que aconteceu certo 31 de xullo, cando de súpeto apareceron cartos para pagarlle a todos os xogadores o que se lles adebedaban „a todos os que o denunciaron, que algún calou o despois estivo anos tentando cobrar o que no había forma de demostrar que non percibira„. Hai erros deportivos, por suposto, pero non creo que sexa do director deportivo (onde están as súas fichaxes de 2018-19 e canto deixaron os que fichou?); son outro tipo de erros. E o que é o importante, erros que poden vir (poden vir) dos escasos recursos económicos, porque algún de súpeto esquece que hai unha débeda; algún prefire pasar de longo cando se fala de que o Deportivo é o que máis se endebedou de todos os clubes europeos (166 millóns). Pero iso non conta. E logo, que é o que conta? É mellor esquecer o pasado!

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

Buscador de deportes