17 de mayo de 2020
17.05.2020
La Opinión de A Coruña

Título de Liga do Deportivo | A ruta da seda

Para os que cumpriron os 25 anos, o título de Liga que conseguiu o (...)

17.05.2020 | 14:14
Título de Liga do Deportivo | A ruta da seda

Para os que cumpriron os 25 anos, o título de Liga que conseguiu o Dépor na 99-00 é historia e son historias. Historias que lles foron contando pais ou avós ou quen fose ao longo dos anos porque os de 25 ou menos é imposible que o vivisen. E para os que si vivimos a Liga gañada e a Liga perdida da 93-94 é imposible non relacionalas, non asocialas, aínda que no fondo non tiñan nada que ver.

Pero seguimos crendo que o destino nos debía unha, unha moi gorda, e que volveu seis anos máis tarde para saldar contas.

A min o do destino sempre me evoca a Les Luthiers cando Mundstock lía coa súa impresionante voz radiofónica: "Era un hombre atrapado por el destino...". E contestaba Rabinovich de fondo: "Suéltame, destino". Pois iso, que igual criamos que a xustiza universal nos debía algo e non estou seguro de que fose literalmente verdade.

En todo caso, a temporada 93-94 non se pareceu en nada á 99-00, tal vez porque sucederon moitas cousas entre elas e tamén porque nin os rivais nin as circunstancias foron iguais.

Na 93-94 o Dépor viña de máis a menos e o Barcelona, de menos a moito máis. A falta dun cuarto de Liga, o Dépor tíñao todo feito en aparencia, pero ou lle fallaron as forzas ou lle viñeron as dúbidas. O caso é que cada xornada era un paso atrás e o Barcelona viña embalado gañándoo todo, mesmo sen merecelo como na penúltima xornada no Bernabéu ante o Madrid.

E a presión de Cruyff e o seu chupa chups fixéronlle moito dano ao Dépor na última semana. O holandés era moi listo e sabía como preparar os seus partidos e os dos rivais. E neste caso funcionoulle.

A conclusión foi que aquel 14 de maio do 94 -o día do meu aniversario- moitos fomos a Riazor coa mosca detrás da orella e poñendo a venda porque xa contabamos coa ferida. Para resumir, aínda que ampliaremos, no 99-00 a maioría fomos a Riazor convencidos de que iamos ser campións de Liga. As claves para un equipo é imposible resumilas mellor que Arsenio Iglesias: orden e talento. Nesas tres palabras está concentrado absolutamente todo. É imposible que tres palabras -en realidade, dúas- signifiquen máis. Pero os afeccionados miden o fútbol, ou calquera deporte, de forma algo diferente, aínda que tamén se poida resumir en tres palabras: resultados e sensacións.

Entre a 93-94 e a 99-00 gañáronse dous títulos, iso é certo, pero tamén se levou a cabo unha profunda reestruturación e, ás veces, coma na 97-98, con medo polo claro risco de descenso nalgunha fase da Liga. Fichouse a moito bo xogador e a moito ilustre, con resultados diversos. Gran negocio no caso de Rivaldo e fracaso nos de Luizao, Kostadinov, Txiki Begiristain ou mesmo Martín Vázquez, que para moitos foi un dos talentos máis grandes que fichou Lendoiro pero que non puidemos ver nunca en plenitude por culpa dunha lesión na pretemporada. Ou os fracasos do especial Toshack e de Carlos Alberto Silva. Ese tránsito tamén deixou xogadores listos para grandes logros como Songo'o, Naybet ou Djalminha. Pero o certo é que a base (Mauro Silva, Donato, Fran...) viñan da 93-94 e ata xa de antes. E as ausencias de pezas mestras como Bebeto ou Djukic suplíronse ben co tempo e con varios intentos en distintos postos clave.

Igual leva a engano porque vemos a Irureta con esa pinta de despistado, de que non se decata de moito, ou de que parece non saber explicar ben o que fala de fútbol. Pero, sen presumir diso, sabía de futbolistas, de como tratalos e da distancia que debía manter con eles. Irureta coñecía como manexar que 25 futbolistas estiveran en contra del. Unidos en contra del. Esa era a clave: unidos, aínda que fora a ese prezo. Chegar a esa conclusión e manexar iso é de sabios, non de parvos.

Por iso, unha das claves daquela Liga foi o técnico vasco, aínda que, iso si, cun gran equipo.

Dise, e foi verdade con plena certeza, que despois de lograr o campionato só un xogador foi ao despachiño de Irureta no vestiario de Riazor para felicitalo. Ese único xogador foi Djalminha, precisamente co que o adestrador tiña máis discordias e máis conflitos. Ninguén máis. O resto celebrárono entre eles, con amigos, con afeccionados ou con quen fose antes de volver saír ao campo e de ir despois en autobús descuberto por toda Coruña para rematar coa gran festa en Catro Camiños.

Para ser sincero, cando menos eu non contaba na pretemporada co que ía suceder na última Liga do século XX. Si, viuse no verán que había un moi bo equipo, pero falar de gañar o campionato non parecía razoable. E a temporada empezou ben pero non foi un inicio rutilante. Sempre entre os de arriba, pero perdendo de vez en cando. O bo era que os demais, sobre todo Barça, Madrid, Zaragoza e Valencia, estaban no mesmo caso e mesmo houbo momentos nos que apareceu o Celta como un dos candidatos ao título. Aquel equipo de Mostovoi, Karpin, Revivo, Gustavo López€ Pero na xornada 11 o Dépor alcanzou o liderado e xa non o soltou ata o final. Ás veces con máis diferenza co segundo, que chegou a ser de seis puntos, ou xornadas máis tarde con rendas mínimas, pero sempre líderes. E cunha característica clave: que perdía partidos, pero os rivais tamén.

Entre a xornada 11 e a 38 fomos sempre líderes, e iso foi o autenticamente marabilloso porque si é certo que importa tanto o camiño coma a meta. Gozámolo semana a semana e non recordo nin un momento no que temese que se fora todo ao traste porque a irregularidade dos outros tapaba as nosas debilidades. Polo tanto, foi unha ruta de seda, longa e suave, sen excesivos contratempos e vendo ao lonxe un final feliz.

Na penúltima xornada visitamos ao Racing de Santander con desprazamento masivo de afeccionados do Dépor porque gañando podíamos ser campións dependendo do que fixese o Barça en San Sebastián. Empatamos a cero nunha tarde marabillosa de primavera, pero nun partido frouxo. E o Barça tamén empatou. Aínda que o Zaragoza gañou e tamén tiña opcións matemáticas, aí xa nos vimos campións e volvemos de Santander sen título aínda, pero moi confiados porque, ademais, o último encontro sería en Riazor contra o Espanyol, que intuiamos que non querería que gañase o campionato o Barça. Cun empate valíanos.

Non lembro vivir esa semana cunha tensión ou preocupación especial. Nin houbo intento de presión engadida desde Barcelona. En todo caso, uns intentos de baixa intensidade que non xurdiron efecto. Tan suaves foron pasando os días que Djalminha e Fran tiveron tempo para maquinar o de tinguirse o pelo e de aprovisionar material no vestiario para todo o equipo. E Leo Scaloni, de buscar as músicas e de dar co hit do ascenso: "Yo te quiero dar algo de corazón" dos seus colegas do grupo arxentino La Mosca Tsé-Tsé.

O partido contra o Espanyol foi como se esperaba: profesional por parte deles e intenso mentres fixo falta por parte do Deportivo. Os goles na primeira parte de Donato e Makaay destensaron os nervios dos afeccionados, que xa puideron gozar da festa moito antes de que acabase o partido.

Igual por iso non se lle dá o mérito que merece, porque parece que foi o título máis fácil ou menos épico dos logrados polos coruñeses. Si é certo que a renda sobre o segundo, o Barça, foi de cinco puntos, pero nesa Liga o Dépor perdeu once partidos, e na 93-94 só perdera catro. E, polo tanto, haberá quen diga que llo puxeran sinxelo€ Bueno. No fútbol pódense construír teorías para todo os gustos, pero eu son dos que pensa que o Dépor foi campión porque fixo un bo traballo, e se os outros non o fixeron foi problema deles.

A miña lembranza especial é que despois das festas no vestiario e no campo, das roldas de prensa e das entrevistas individualizadas, ían saíndo felices os xogadores cara ao autobús descuberto. E na parte posterior da antesala do vestiario, onde o ascensor, estaba Arsenio. Fíxenlle unha entrevista para Tablero Deportivo de Radio Nacional de España, posiblemente a máis emotiva da miña carreira profesional. Recoñeceu que sentía unha mestura de alegría, nostalxia e o alivio de conseguir por fin algo que fixo xustiza. Ese título de Liga en parte tamén o consideraba seu.

E o que me encanta pensar é que na historia do fútbol español só nove clubes foron campións de Liga e que un dos escollidos é o noso Deportivo de La Coruña, ese clube polo que tanto sufrimos e que tanto nos fixo, nos fai e nos fará gozar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Buscador de deportes