Na cidade da Coruña o 2 de marzo de 2008 naceu un neno chamado Toni nunha familia moi feliz. O día que naceu Toni facía moito frío, pero ao seu pai, Antonio, pareceulle o día máis bonito do mundo. O seu fillo nacera o mesmo día da fundación do seu equipo da alma: o Deportivo da Coruña. Rapidamente, o pai mercou toda a equipación para o seu fillo: unha camiseta, unha bufanda, unhas botiñas moi pequenas. Pensou que Toni iría todos os domingos ó campo con el e cos seus tres irmáns e que todos xuntos berrarían como tolos para animar ao seu equipo.

Pasaron os anos e Toni foi medrando. Era un neno tranquilo, tímido e moi creativo. Acompañaba ao seu pai e aos seus irmáns ao campo e animaba aos xogadores. Gustáballe pasar tempo co seu pai e cos seus irmáns, aínda que non entendía moi ben o enfado cando o equipo perdía e tampouco conseguía emocionarse tanto cando gañaban. Pensaba que os nenos dos outros equipos gañaran, así que pensaba que estaba ben que non sempre foran victoriosos os mesmos.

Toni tiña moitos intereses. No colexio non xogaba ó fútbol no recreo, xa que prefería estar biblioteca e xogar ao xadrez, principalmente no inverno. Na biblioteca estaba tan quentiño! Unha tarde de primavera o colexio de Toni organizou un festival para conmemorar o día da danza. Unha compañía local representaba O cascanoces. Toni quedou fascinado coa fada do azucre, os príncipes, os gnomos, o arlequín e todas aquelas persoas movéndose tan delicadamente no escenario ao compás da música.

Cando voltou a casa díxolle emocionado aos seus país que quería ser bailarín e ir a clase de danza. O seu pai, Antonio, cos ollos moi abertos, berrou:

-Pero ti estás tolo, neno? Que dis? Os nenos xogan ao baloncesto, ao fútbol, a cousas de nenos! Non digas máis parvadas!

Toni non respondeu nada e foi para a súa habitación. As paredes estaban cheas de pósters de xogadores do Dépor. Pensou que nunca sería como eles. Por que todos os nenos querían ser futbolistas? O pai de Toni estaba preocupado. A súa muller, Francisca, dicíalle que cada neno era diferente e que Toni amaba a música, a pintura e, agora que descubrira a danza, estaba segura de que o seu fillo iría polo camiño das artes. Porén, Antonio non ía ceder.

Chamou a un amigo que traballaba no club e pensou que se Toni podía coñecer aos xogadores en persoa, falar con eles, cambiaría de opinión e querería ser futbolista como case todos os nenos. Estaría tan orgulloso de ver xogar en Riazor ao seu fillo! Podería empezar a xogar nas categorías inferiores e quizais chegar ao primeiro equipo!

Antonio seguía cos seus pensamentos cando o teléfono sonou para confirmar que o neno podería ir ver entrenar aos xogadores e, quizais, falar con eles. O venres, cedo, Antonio e Toni estaban no campo a hora do entrenamento. Cando os xogadores remataron, acercáronse a saudar a Toni. O pai estaba emocionado. Toni sorría para non decepcionar ao seu pai.

-“Ola Toni. Como estás?”, dixo o primeiro xogador. “Gústache moito o fútbol?”

Pero Toni non contestou. O seu pai adiantouse.

-Pois ultimamente di que non é para el, que prefire a danza. Podedes crelo? A danza, ja, ja. Nin que houbera bailaríns famosos! Moito mellor é o fútbol que é cousa de nenos e demais. Demo de neno! Gáñanse máis cartos e máis fama.

Toni, coa cabeza baixa, choraba disimuladamente porque a el gustáballe ver o fútbol e animar ao seu equipo, pero o que de verdade lle apaixonaba, o que lle facía soñar eran a música e a danza.

Nese momento o segundo xogador pasoulle a man polo pelo a Toni e mirando fixamente ó neno díxolle:

--“Ti o que de verdade tes que facer é loitar polos teus soños. Cada persoa é diferente e é importante respetar a todo o mundo. Baila se é o que che fai feliz”.

Entón o segundo xogador mirando ao pai díxolle:

-“O fútbol non é fama nin cartos. O fútbol é o gran deporte que é polo compañerismo e o respecto ó rival. As persoas que aman o fútbol de verdade saben que no Deportivo da Coruña estamos xuntos nas victorias e nas derrotas e que só apoiándonos uns a outros podemos chegar lonxe. O esforzo, o traballo duro é o que de verdade queremos ensinar aos nenos. Anime ao seu fillo nos seus soños porque o importante é ser feliz e respetar as persoas”.

Antonio, un pouco sorprendido, pensou que se os seus ídolos pensaban así, quizais tiveran razón. Decidiu escoitar as palabras dos xogadores. Toni, pola súa parte, puido apuntarse a clases de danza e ser inmensamente feliz, pero seguiu acompañando ao seu pai e irmáns a Riazor, a animar a aqueles xogadores que deran unha lección de vida tan importante ao seu pai. Agora tamén eran os ídolos de Toni e gañaran para sempre o seu corazón branquiazul.