Certo é que ollar un partido do Deportivo custa e moito porque o que eu agardaba era outra cousa, para seguir cada encontro hai que facer un esforzo tremendo que só pode aturar un deportivista, dá o mesmo que tipo de deportivista porque seica hai clases. Se é verdade que non gusto do que ollo, tan verdade é que o equipo leva dez puntos de doce posíbeis e que só encaixou un gol en catro partidos. E estes son datos obxectivos que non poden ser discutidos. O que se pon en cuestión é o xeito de acadar os resultados. Para min sería perfecto xuntar o Barça de Guardiola co Ajax dos setenta ou Brasil dos setenta ou oitenta, e coa fiabilidade defensiva de Italia ao longo da súa historia futbolística. O máis semellante que atopei é o Deportivo de Arsenio nos noventa. Velaí os números e a sensación que causou. O adestrador ordena e dispón; o futbolista executa, e as veces ten que facelo alén das instrucións iniciais do técnico. Isto é un todo formado por moitas unidades. Que o Deportivo se ten que impor no céspede? Que ten que mandar? Penso que si. Como? Esa é outra cousa que teñen que decidir os que saben aplicando os seus coñecementos e co que teñen. Contar con tantos millóns (din que 15) sobre o céspede non quere dicir que teñas o mellor; só que elixiches determinadas opcións que cando remate o curso se comprobará se foron as máis axeitadas. Ou non. Eu o que quero é que o Deportivo estea en Segunda a vindeira temporada, e a estas alturas do conto o como é o que menos me importa. Impórtame máis que ninguén tente pór un pouco de acougo na vez de espallar o lixo. Iso si que é preocupante. E claro que hai grandes expectativas; e claro que hai presión polo que significa o clube e o escudo. Hai que saber xogar con elas. O resto, o manexo dos partidos, xa chegará porque iso é traballo. Queda moito que arar, pero gañando é máis doado.