Tiña que pasar algún día e pasou no mellor momento, perante o adversario que menos se desexaba. Como era iso, algo que vén dicindo que se pode acontecer algo malo acontecerá algo peor. Pois foi onte. O conto deste encontro non é perder, para min é o xeito de como perdeu o Deportivo. Se tan importante era gañar ao Celta B os que tiñan que facelo eran os futbolistas. Hai cousas que non entendo das que propuso Fernando Vázquez, pero será porque non teño o seu nivel de entendemento do fútbol; porén no chego a comprender que futbolistas cocidos en cento de pelexas non sexan quen de se impór a futbolistas con fame de ser alguén. Hai galóns, hai situacións, que so se poden desenvolver no campo, alén de sentimientos, pois calquera que se poña a competir sabe que nese momento pola cabeza non hai nome do rival nin calquera outra cousa que non sexa: vou gañar. E o Deportivo nesta categoría ten que gañar case todo. Ten que haber marxe para os erros, porque algún partido toca perder. E a min tampouco me importa diante de quen sexa, mellor que sexa galego, así ten menos perigo de descenso. O conto é pensar nun mesmo, e onte o Deportivo deixou pasar unha grande oportunidade de pegarlle un sachazo á clasificación do seu subgrupo e tamén de colocarse con vantaxe no que sería a clasificación dos seis equipos que entrarían a xogar polo ascenso. Era o día axeitado para estoupar. E o Deportivo estourou, pero de xeito contrario ao que desexábamos moitos. Que efectos ten cara o obxectivo? Tampouco moitos. Ou xa se comprobará. O que sei é que co nome e sen correr non se gaña; o que sei é que estes homes/nomes teñen que se impór a calquera rival da categoría. Agora teñen un mes de lecer. Agora, outros teñen un tempo de felicidade e sen ollar o partido. Agora outros lembran que teñen un filial, so porque xogou co Deportivo. Cousas