Corenta anos despois o RC Deportivo volveu saír do camiño que percorreu durante toda a súa existencia coa excepción de dúas temporadas. Corenta anos despois caeu na Segunda División B, a terceira categoría do fútbol español, pero non só por deméritos deportivos, que houbo, foi por mor dunha cacicada, unha das máis salvaxes cometidas polo patrón do fútbol profesional, Javier Tebas Medrano, co respaldo da máxima autoridade deportiva do estado, o Consello Superior de Deportes (CSD) que preside Irene Lozano. “Consumouse un atropelo sen precedentes no fútbol español”, resumiu Fernando Vidal o 27 de agosto, cando se coñeceu a decisión da Liga do Fútbol Profesional en coalición co CSD. O COVID-19 provocara a paralización das competicións aló polo 14 de marzo; retomouse a Liga en xuño, e o Deportivo chegou á derradeira xornada en posición de descenso pendente do seu partido co Fuenlabrada en Riazor.

O 20 de xullo chegou á Coruña o rival do conxunto deportivista con varios positivos por COVID no seu plantel —catro—, cifra que foi en aumento durante a estadía do equipo madrileño na cidade. Ese día o partido de Riazor foi adiado pero se xogou todo o resto da xornada. O Fuenlabrada non se achegou ao estadio, mesmo tiña hora solicitada para voltar a Madrid desde Alvedro. Quixeron fuxir cun vo solicitado a unha hora no que tiñan que estar xogando en Riazor. A consellería de Sanidade impediuno. “LaLiga é quen decide e argalla as viaxes”, argumentou Praena. Sanidade actuou con celeridade e ordenou a reclusión dos 46 membros da expedición no hotel Finisterre. Este establecemento de hostalaría foi outro damnificado porque os clientes que tiña tiveron que deixar as instalacións. Mentres, a maquinaria de Tebas traballaba a reo. Suspendera o partido de Riazor e non a xornada completa, coa oposición da FEF, e esa noite do 20 de xullo o Deportivo estaba en Segunda B polos resultados dos rivais directos e sen poder competir. O xulgado ten a derradeira decisión. No eido deportivo foi o CSD, que un mes despois respaldou a decisión de Tebas.

“Hai doce novos casos”, informou o Fuenlabrada catro días despois, o 24 de xullo, o que nesa data elevaba a 28 o número de positivos na entidade madrileña. Antes os seus dirixentes madrileños, co seu presidente Jonathan Praena á fronte, agocharon a información, así o afirmou Luis Rubiales. “Agachouse información á Federación Española de Fútbol (FEF) e ao Consello Superior de Deportes (CSD) do que coñecían o Fuenlabrada e LaLiga, e iso está a quedar impune e entendemos que non pode quedar impune”, dixera Luis Rubiales, presidente da FEF na súa recente visita á Coruña, o pasado 27 de novembro, cando tamén anunciou que a “FEF se personará no

caso Fuenlabrada tan pronto como poda”.

O Tebas Operandi funcionara xusto tres meses antes. Foi o 27 de agosto, cinco semanas máis tarde da irrupción do Fuenlabrada na Coruña con positivos, cando a patronal do fútbol española LaLiga atopou o voto do CSD para pór a gadaña ao Deportivo. O cadro coruñés pedía unha Segunda con 24 equipos, entre os que tamén estaba o Numancia, a FEF respaldaba esta decisión; a LFP negouse. Aquela noite, na reunión entre LFP, FEF e CSD, este organismo ditou sentenza de descenso para o Deportivo. Fernando Vidal foi contundente co máximo organismo do deporte e, sobre todo, con Irene Lozano, que “permitiu una cacicada de perigosas consecuencias futuras” algún foi coas ideas craras á reunión —celebrada no CSD— na que tomou parte o CSD, que se inhibira ata ese momento”, salientara Vidal ese día. Nesa mesma data, Inés Rey criticou con dureza o “cambio de criterio” do CSD. O organismo presidido por Irene Lozano emitira un comunicado o 22 de xullo, dous días despois de que o encontro fose adiado, no que cuestionaba a decisión do Fuenlabrada de viaxar a A Coruña.

Lozano agachouse, deixou a decisión en mans de Joaquín de Arístegui, director xeral do CSD. Un dos seus fillos, Alonso, ten un cargo importante en LaLiga. Pero segundo o CSD “non incurre en ningún tipo de incompatibilidade nin conflito de intereses”, conforme sinalou nun comunicado emitido o día anterior á trascendental reunión entre a FEF, o CSD e LaLiga. Do mesmo xeito que tampouco había conflito de intereses entre LaLiga, que preside Javier Tebas Medrano, e o Fuenlabarada, do que Javier Tebas Llanas é asesor xurídico.

O conto é que serán os xulgados de xustiza ordinaria os que decidan, eses mesmos que se atoparon con atrancos por parte do propio Javier Tebas, que solicitou parar nos tribunais o expediente contra o Fuenlabrada, despois anulado polo TAD (depende do CSD); máis tarde tentou incriminar a Álex Bergantiños por unas palabras no grupo de WhatsApp do Deportivo (chegaron uns axentes de Madrid máis rápido que nunca). “O paripé”, esa foi a frase que non lle gustou a Tebas e os policías voaron máis raudos que nunca, segundo un sindicato das forzas do orde. Despois chegou a tentativa de paralizar a resolución xudicial a que acodeu o Deportivo e o concello, pero hai uns días o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidiu que o Xulgado de Instrucción número 6 da Coruña era quen de decidir sobre o asunto. A causa estaba suspendida porque a xuíza que levaba este asunto era socia do Deportivo, pero “non existen motivos para que a maxistrada se absteña nesta investigación”, sentenza o TSXG.