Se houber que deixar o partido de onte nunha frase diría que o Deportivo non ofreceu nin máis nin menos do que eu agardaba. Non agardaba máis porque é moi difícil que en tres días un equipo poida asimilar os novos conceptos, métodos, sistemas,... que o novo adestrador pretende introducir; non agardaba menos porque hai futbolistas para dar a cara en partidos como o de onte. Creo que foi deses nos que gañar quedou nunha ilusión, polo que só quedaba non perder. Se non se pode vencer, polo menos empatar e molestar. Penso que iso aconteceu. E ollando este encontro lembrei o que me dicía José Manuel Traba antes de que comezase a temporada: “Hai que ser fortes en Riazor, porque no inverno vaste topar por aí con campos moi complicados”. O Helmántico non estaba para xogar ao fútbol, como tampouco o estaba o Ruta de la Plata de Zamora hai unha semana. Certo que é a mesma superficie para os dous equipos, pero cada un manexa un estilo e unhas formas que segundo sexa o piso se poden desenvolver ou non. Quedou amosado que onte pouco máis que darlle cara adiante se podía facer. Certo que mesmo niso os conxuntos de superior calidade tamén se teñen que impór, pois un control mellor feito, un patadón de alguén que sabe golpear terá mellor dirección que se lle peta un que ten menos tacto no pé... todas esas cousas. Pódese gañar de moitas formas, mesmo un rival inferior, pero o que non é discutíbel é a actitude dun futbolista, sexa ou non profesional. Calquera que saia a un campo de fútbol, aínda que sexa xogar as cervexas, sae a gañar e pon todo o que ten; iso haino que aplicar xa na alta competición. Segunda B é alta competición. Hai xente que pon moitos cartos para chegar ao fútbol chamado profesional —Segunda— e paga para iso. O Deportivo é un deses clubes. Por iso hai que responder.