Hai pouco menos dun ano todo se detivo, todo quedou pendente de… e algunhas cousas ficaron así, pendentes de… Foi o caso do Deportivo Abanca, que no seu primeiro ano na elite do fútbol feminino español deixou a máis dun un pouco calado, mesmo podería decir mudo se penso en alguén de aquí preto. Morreu a temporada co equipo branquiazul asinando o seu mellor posto da historia moderna —non se poden esquecer os éxitos do Deportivo dos anos oitenta— pero morreu, para ledicia dalgún porque o matou a Federación Española de Fútbol. E houbo que volver a comezar. Había xogadoras que deixaran a súa pegada e outros equipos tiraron as súas nasas, e amañaron porque aquí deixaron fuxir o peixe. Que Manu Sánchez perdera as futbolistas que perdeu si é responsabilidade dun consello de administración que non cría no fútbol feminino malia que a principal aposta do actual propietario do clube foi precisamente o fútbol feminino. Incomprensíbel. “El femenino ni es fútbol ni es femenino”. Esta frase era habitual dun par de dous que algo tiveron que ver no Deportivo ata hai moi pouquiño. Se vas pedir axuda a Abanca para erguer este clube e por detrás desbotar o traballo que se está a facer cos equipos de rapazas… non sei eu. Pois agora, case un ano despois de que rematase a temporada exitosa do Deportivo Abanca na Primeira Iberdrola, este mesmo equipo está vivo. Con posibilidades de saír do fondo do pozo e, sobre todo, co convencemento que teñen as súas futbolistas de que van saír. Só precisan un pulo do que manda, esa palabra, para borrar o anterior, o que non se fixo e o que se dixo (aínda que non fose publicamente). Todo por cen mil euros? De verdade que só por esa cantidade nun gasto de máis de catro millóns nun plantel que non se sabe onde vai acabar en Segunda B? De verdade? E iso díxollo alguén “a la propiedad”? A esa propiedade que leva anos mantendo o fútbol feminino na elite. Xa! Niso que xurdirá Brancaneves. Cando se di unha cousa distinta do que se pensa, acábase facendo outra completamente distinta. E por moito que me digan non o vexo doutro xeito.