Despois de rematado o partido pasou unha parella por diante deste xornal e un preguntou: “Como quedou o Deportivo?”. “Gañou 1-0, non o ves na pantalla de LA OPINIÓN?”, recibiu como resposta. “Xa era hora!” espetou a acompañante. E si, xa era hora de gañar polo menos dous partidos seguidos na casa; se o fan dunha semana para outra… o conto sería doutro xeito. E simplemente con isto, con gañar dous partidos de cada tres, que foi o que aconteceu nestas semanas, o seareiro xa medrou un chisco. Si, ese que estaba xa entregado e asumía que o Deportivo tería que sufrir por manter a categoría, agora xa bota man das contas. Algún aínda ten as bolas, otros empregamos os dedos, e os máis novos tiran de calculadora ou do que haxa por aí. E as contas dan. Por suposto que dan. E se as fan os afeccionados do Compostela danlles mellores, mesmo os do Racing de Ferrol; e xa nin penso nos do Celta ou Zamora. Se cadra é un xeito de atopar unha ilusión nestes tempos que nos corresponde sobrevivir, e mesmo eu o comparto. Que sería de nós sen ese lado positivo e optimista do noso cerebro? Os números din que o Deportivo aínda pode rematar entre os tres primeiros, como tamén suliñan outra cousa peor. Falan para ben e de todo o contrario. Outra cousa son as sensacións que deixa o equipo. Entendo que comprender novas ideas leva tempo, moito tempo, e levalas á realidade leva máis, pero polo menos algo, un mínimo exemplo do que se traballa. Eu non ollo nada. E non me importa demasiado porque son resultadista diante de todo; a estas alturas do conto o único é gañar. Como? Dácheme o mesmo. Quedan dous encontros que os futbolistas teñen que gañar; se non suman eses seis puntos... habería que pensar no que ninguén quere pensar e no que todos tiñamos na cabeza hai moi poucos días. Todo sexa por ter unha ilusión; iso tamén axuda a sobrevivir.