Juan Díaz Villoslada | Número catro de Sumar Galicia por A Coruña

Villoslada: “Hai que mover os marcos: pódese vencer ao PP mobilizando á Galicia progresista”

“Sumar será catalizador do cambio, porque só co BNG e o PSdeG non chega”

Juan Díaz Villoslada, na praza de Pontevedra.   | // CARLOS PARDELLAS

Juan Díaz Villoslada, na praza de Pontevedra. | // CARLOS PARDELLAS / R. Prieto

“Hai partido”. Juan Díaz Villoslada amósase convencido de que esta campaña electoral é “decisiva” para chegar ao 19 de febreiro cun goberno alternativo ao do PP e no que Sumar Galicia será “palanca”. A clave, segundo apunta, está no electorado progresista que se moviliza nas xerais, pero que chegadas as autonómicas queda na casa. “Hai que mover marcos: pódese vencer ao PP, pero para iso hai que mobilizar á Galicia progresista”, defende Villoslada, para quen “Sumar será catalizador do cambio na comunidade porque só co BNG e PSdeG non chega”.

Sumar concorre por primeira vez á cita do 18-M, pero vostede non se estrea na área política. Como afronta estas eleccións sendo a fichaxe do partido de Yolanda Díaz tras abandonar as filas socialistas?

Non son o único que se incorpora, pero a verdade é que o fago con moitísima ilusión. Non digo que o viva como a primeira vez, pero é a primeira vez neste espazo político e tendo como referencia políticas sociais e laborais de Sumar tamén a nivel de Estado. Afróntoo con moitísima ilusión para buscar participar nun espazo que ensanche a visión progresista e plural que hai en Galicia. Hai máis pluralidade progresista do que a veces pode parecer.

Como número catro as posibilidades de entrar no Parlamento, a teor das enquisas, dilúense.

Está o umbral do 5%, que Fraga impuxo unilateralmente no 92 ca súa maioría absoluta. Chegar a ese umbral é, inicialmente, complicado. Digo inicialmente porque estamos convencidos que estamos dentro do Parlamento na Coruña e en Pontevedra. A partir de aí é crecer.

O feito de abandonar “desencantado” o PSdeG, tras competir no 2017 pola Secretaría Xeral con Gonzalo Caballero e ser un concelleiro estrela no Goberno local de Inés Rey, xoga a favor da nova candidatura ou en contra?

Durante a miña saída, que xa tiña pensado que fora este ano, xurdiu a oferta por parte de Sumar para integrarme na promotora. No seu momento expliquei as causas polas que me fun. Agora gústame falar do presente e do futuro, pero creo que incorporarnos xente con distintas sensibilidades políticas do espectro progresista é o que fai que Sumar Galicia sexa plural, aberta e aumente todo ese espazo de esquerda. Hai unha esquerda máis tradicional en Galicia, que ten ese compoñente máis nacionalista e identitario. Hai unha esquerda no PSdeG, do que eu veño, que creo que está demasiado encorsetada polos aparatos orgánicos. E necesitamos esta confluencia de xente, que procede de diferentes ámbitos sociais, políticos e sindicais.

Que perfil de votantes espera captar Sumar: os indecisos, os desencantados co PSdeG, os exapoios de Podemos…

Nas xerais do 23 de xullo houbo un voto progresista en números redondos de 800.000 papeletas. Nas autonómicas de 2020, eran 600.000. Polo tanto, hai en torno a 190.000 votos progresistas en Galicia que se quedan en casa entre as xerais e as autonómicas cando a Xunta é quen decide sobre algo máis da metade do gasto público. É fundamental mobilizar ese voto progresista que queda na casa.

Que factores serán determinantes nestas eleccións para decantar a balanza cara un gobierno progresista frente a un do PP?

Non podemos estar falando de cuestións que non lle preocupan aos galegos. Hai que falar de sanidade, de emprego, de vivenda, das posibilidades que teñen os mozos de Galicia de emanciparse, os que marchan fóra e que teñen opcións de non irse ou os que están fóra para que poidan voltar. O PP di que Galicia está fantástica e funciona. E fala de amnistía... Os galegos e as galegas queren escoitar falar do seu.

Dos erros debe aprenderse. Pero o espazo rupturista, á vista do proceso de formación de listas, parece que non o fixo e volven concorrer por separado e con esa barreira do 5% para conseguir representación faise máis complicada a carreira. Non hai máis que ver o que acontenceu nas eleccións municipais na Coruña que quedaron fóra.

Cremos que a presenza de Sumar Galicia pode facilitar a mobilización de todo ese voto progresista que queda na casa. As outras opcións progresistas teñen unha identificación xa histórica e poden ter máis ou menos percorrido. Imos ver se o BNG está no teito ou non. Imos ver se o PSdeG mellora e é capaz de mobilizarse porque ten un certo punto de desmobilización ou de indecisión nos seus votantes do 23 de xullo. Por iso pensamos que Sumar Galicia pode ser un catalizador porque só co BNG e o PSOE non chega. Necesita unha palanca e esa palanca pode ser Sumar Galicia aprendendo dos erros do pasado.

Perciben pulsión de cambio?

Nas reunións con diferentes colectivos vexo esa necesidade de cambio. Galicia leva casi 15 anos de mandato do PP, pero vén sendo gobernada nos 43 anos de autonomía, 37 co PP. Na manifestación no Obradoiro o domingo había moita xente moi moi distinta. Hai unha necesidade de cambio. O que pasa é que hai un marco preestablecido de que en Galicia é imposible vencer ao PP. Hai que cambiar os marcos. Temos que ir votar sen marcos preestablecidos sabendo que hai unha Galicia progresista bastante máis importante do que moitas veces se comunica, pero hai que mobilizala.

Esta campaña será decisiva para decantar a balanza ou o partido non se xoga nos 15 días de mitins e estratexias electorais?

Si pode ser decisiva. O escenario está moi aberto. Hai partido. Esperamos que ca mobilización destas dúas semanas poida haber ese punto de inflexión que permita que o PP baixe dous escanos que lle permitan seguir gobernando.

O BNG xa ve a Xunta con Pontón como presidenta. Que resulta máis afín ao proxecto de Sumar: un goberno capitaneado polos nacionalistas ou polos socialistas?

Sería inxenuo pola miña parte dicir outra cousa: a Sumar Galicia gustaríalle aspirar nalgún momento a poder ter a capacidade de presidir. Neste contexto electoral, levamos poucos meses traballando, somos conscientes de que a forza maioritaria progresista sería o BNG ou o Partido Socialista. Os datos indican, en principio, que vai por diante a candidatura de Pontón. Nos encontrariamonos cómodos nun goberno progresista porque respetariamos o mandato dos electores. Temos moitos puntos de confluencia. Hai outros de diverxencia, loxicamente, senón iriamos todos xuntos. Pero Sumar Galicia quere sumar e para iso hai que respetar as decisións maioritarias do electorado.

Que será un resultado de éxito para o equipo de Marta Lois?

Cando estabamos nos primeiros traballos de preparación de campaña, o primeiro reto era estar dentro do Parlamento. Pero son dous problemas aos que enfrentarse: a lei electoral con unha subrepresentación dos territorios máis poboados e ter que superar a barreira do 5%. Os datos están dicindo que xa estamos dentro, practicamente seguro na Coruña e en Pontevedra, e a partir de aí crecer. Será máis doado medrar nos ámbitos urbanos.

Se son a chave do futuro goberno de BNG y PSOE, un tripartito ten que fiar moi miúdo para evitar que se repitan erros de etapas pasadas que dean ao traste ca alternativa de goberno.

Hai que aprender de situacións pasadas. É certo que houbo erros, de comunicación sobre todo, pero houbo grandes políticas. Loxicamente, a maquinaria de comunicación do PP meteu toda a carne no asador. Tamén tivemos un tripartito con González Laxe que marcou políticas importantes. Houbo na Coruña un bipartito entre o PSdeG e o BNG, que funcionou dunha forma ben coordinada. Evidentemente un goberno tripartito debe facer as cousas de forma cohesionada. Antes de entrar ao Consello de Xunta para tomar unha decisión, se poden falar das distintas posicións. Agora ben, unha vez que se toma posición, a decisión é colexiada, de goberno.

Que proxectos considera claves para A Coruña?

Sumar Galicia na parte urbana ten unha formulación moi metropolitana. Hai que darlle ás áreas da Coruña e Vigo máis mecanismos a esa potencialidade e forza que hai nas cidades. A Xunta do PP nunca tivo unha visión urbana e metropolitana, supoño porque o vería como un certo contrapunto. Hai que traballar nunha planificación supramunicipal. A mobilidade é un elemento fundamental para nós. Hai que potenciar os servizos ferroviarios ca mellora das conexións A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo. E tamén o tren de proximidade entre A Coruña e Betanzos aproveitando a infraestrutura ferroviaria que xa temos e a estación de San Diego.

“Teño dous balóns de osíxeno: a horta e a bicicleta”

Primeira persoa á que chamou para dicirlle que iría nas listas de Sumar?

A miña muller, evidentemente. Eso foi fundamental.

Con quen doutros partidos non se iría de cañas ou, se non se atreve, a quen convidaría?

Non sería capaz de decir con quen non iría. Aínda que podo pensar nalgunhas. ..Hai un compañeiro ao que aprecio moito e con quen aprendín moito de economía, con Abel Losada. Con Pontón teño moi boa relación e tamén con Martín Fernández Prado, Rosa Gallego… Por sorte a lista é longa.

Ten amigos doutros partidos ?

Teño amigos que non son votantes progresistas. Incluso algún, e temos tido discusións, ten derivas reaccionarias.

Algún segredo inconfesable?

Tería que pensalo moito.

Nalgún momento rezou?

De pequeno, como estudei nos Salesianos, algunha vez. Son ateo convencido.

Merca a súa roupa?

Non me gusta demasiado. E se vou, acompáñame a miña muller.

Fai algunha tarefa doméstica?

Claro! Aborrezo pasar a aspiradora. É un ruído insoportable. Non son moi cociñeiro...

Que fai para calmar un día de estrés e moito traballo?

Teño dous balóns de osíxeno, estar na horta e andar en bicicleta. O do ciclismo vaime moito. Xogei moito ao baloncesto ata que os xeonllos racharon.

Fai a compra?

Si.

Canto custa unha botella de aceite?

Estamos xa en 9,80-9,90 euros.

Gústalle cociñar?

Non son cocinillas. Teño bo dente en xeral, nestas épocas un bo cocido e caldo.

Que prato aborrece?

Non soporto as carrilleras. Non podo con elas...

A última visita a un museo?

Ao Prado hai pouco.

A última vez que foi ao cine.

Fun ver a de Win Wenders, Perfects days, que che fai reflexionar sobre a vida cotiá.

O seu gran concerto.

Este verán, Wilko en Nigrán.

A súa canción favorita.

Son moito de clásica, jazz e música electrónica. Cos rapaces escoito música actual. Hai un rapero galego que lles gusta moito, pois o Barquito de Vela de Hard GZ.

O seu último destino de vacacións?

Sicilia.

Unha viaxe que non quere perderse.

Arxentina.

É de bágoa fácil?

Me temo que non. Son de chorar máis por dentro que por fóra.

Algún defecto?

Maniático dun certo desorden. Nunca fago a mesma rutina. Eso pon nerviosa á miña muller. E creo que ás veces son algo soberbio.

Tres desexos.

Anhelo ir a algunas montañas que teño na cabeza. Outro desexo é en relación cun amigo pero non é confesable. E quero que aos fillos e a familia lles vaia ben.

Suscríbete para seguir leyendo