Marta Lois: “As políticas de Sumar son máis ambiciosas que as de PSOE e BNG”

“Podemos ser esa forza que sirva de cemento cohesionador nun goberno a tres”

“Pídolles aos galegos que lembren como está a sanidade pública”

Marta Lois

Marta Lois / Jesús Prieto

Susana López Carbia

Asegura que ve pulsión de cambio na rúa e di estar convencida de que, se logran mobilizar o electorado que votou nas xerais do 23 de xullo, o domingo haberá cambio político en Galicia. Marta Lois, a candidata de Sumar á Xunta, ten claro como tería que ser ese goberno que lle arrebate o poder ao PP de Alfonso Rueda: un executivo a tres, liderado por Ana Pontón e no que Sumar actuaría como “cemento” entre as forzas progresistas.

A que aspira Sumar?

Hai que lembrar que o 23 de xullo fomos terceira forza política en Galicia porque houbo unha maioría de voto progresista. Ese cambio depende de nós, das mulleres, da xente moza, dos traballadores. Agora, se a xente volve votar e vota progresista, haberá cambio.

Ningunha das enquisas que se publicaron estes días garante que vaian entrar no Parlamento...

Os diferentes estudos preelectorais aos que temos acceso dinnos que nalgunhas circunscripcións a suba dos votos de Sumar determinan a perda dalgún escano do PP. Cantos máis votos teña Sumar, máis votos perde o PP e, polo tanto, a maioría absoluta.

Entrar no Parlamento sería un bo resultado para Sumar, aínda que fora só coa súa acta de deputada?

Eu como candidata á Xunta quero gobernar. Teño experiencia en xestión e de goberno. Queremos gobernar e sacar adiante unha axenda potente no social e no territorial. Queremos estar nese goberno a tres. Estamos convencidas de que imos ser unha forza política chave, que vai construír ese cemento entre as forzas progresistas para chegar a acordos e para ter un programa de goberno transformador e valente.

Cre entón que Sumar axudaría a que PSOE e BNG se entenderan mellor?

Estou convencida de que podemos ser esa forza política que sirva de cemento para que ese goberno a tres sexa un goberno cooperativo, non de competición política.

Ofrécese Marta Lois para mediar entre Pontón e Besteiro se dan as contas para gobernar xuntos?

Non digo ser mediadora, pero somos unha forza política que temos unha forma de traballar que prima o diálogo e os acordos. Calquera goberno galego do cambio a partir do domingo pasa pola cooperación, os acordos e o diálogo. Máis que mediador, cemento cohesionador das forzas progresistas nese goberno.

En todo caso, que lle aportaría Sumar a un goberno de esquerdas?

Nós facemos políticas para avanzar e transformar. Eu creo que moitas veces o PSOE, e esa é a experiencia que temos a nivel estatal, conformaríase con menos. No ámbito laboral, hai poucos días subiuse o salario mínimo. Sabes a cantas mulleres galegas lles repercute esa política útil? A 136.000 galegas. Esa carta de presentación e a nosa axenda valente de goberno verde, feminista e laborista non a ten calquera.

Di que son máis ambiciosos que o PSOE... tamén máis que o BNG?

Tamén! Quero comparar as políticas que pode facer o BNG en determinados ámbitos coas que facemos nós. Nós apostamos sen complexos pola recuperación pública de servizos como o da xestión da auga ou o Servizo de Axuda no Fogar, que agora está practicamente privatizado e en situación de precarización. Neste sentido, o BNG é moito máis tibio. En políticas sociais, o BNG nos ámbitos nos que gobernou non foi tan ambicioso como podemos ser nós. Outro exemplo: nós fomos os pioneiros en poñer na axenda o tema da saúde mental.

Ata que punto poden pesar as diferenzas que tiveron co BNG a nivel estatal á hora de chegar a acordos en Galicia?

Lamentei que o BNG votase en contra da reforma laboral ou que nalgún momento se puxera de perfil en políticas que chegaron a tantas galegas e galegos, pero iso non vai ser escusa para non poñernos dacordo. A sociedade civil non quere un goberno a tres onde haxa máis competición interna, senón un goberno cunha soa voz.

É inevitable lembrar a competición que se viviu na época do bipartito de Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana. Cre que se aprendeu daqueles erros?

Creo que o bipartito ten no seu haber un traballo ao que non se lle fixo xustiza, con políticas valiosas para o noso país, pero se hai algo que se pode mellorar é que de cara a fóra había unha imaxe ás veces de demasiada competición ou de dous gobernos. E creo que iso non debera pasar.

Veríase vostede de conselleira de Igualdade?

Véxome como conselleira dun goberno e facendo políticas útiles de igualdade, relacionadas coa economía social, con vivenda... nos ámbitos onde teño experiencia: promoción económica, emprego, feminismos, igualdade...

E con Pontón de presidenta?

Hai que ser realista. Todos as enquisas din que Ana Pontón está nunha posición na que pode aspirar seriamente á Presidencia. Dito isto, estamos no século XXI e creo que ten que haber un goberno de mulleres. Tócanos ás mulleres!

Nas xerais Sumar foi terceira forza. Pero nas autonómicas hai tradicionalmente menos participación e vótase de maneira distinta. Que lles diría ás persoas que apostaron por vostedes o 23 de xullo, pero dubidan en facelo agora?

Efectivamente, nas autonómicas hai menos participación no ámbito progresista. Eu pídolles a esas persoas que lembren que por primeira vez hai listas de agarda para obter cita co médico de cabeceira ou que, se necesitan levar unha crianza ao pediatra, hai moitos centros de saúde que non teñen pediatra. E o responsable é o PP, que leva desmantelando a sanidade pública dende hai catorce anos.

Estas eleccións van ser as primeiras tralas xerais. No ve un risco de que os galegos penalicen ese ruído que se está vivindo a nivel estatal con todo o debate en torno á amnistía e as dificultades que está tendo o Goberno de Pedro Sánchez?

Os que teñen máis interese en colocar o tema da amnistía na campaña galega son o señor Feijóo e o señor Rueda, a pesar de que os galegos e galegas están a outra cousa. En Sumar dixemos que a amnistía pretende resolver pola vía política os conflitos políticos, pero estamos na campaña galega, despois de catorce anos, de parálise do PP. Realmente os galegos van votar pensando no tema da amnistía?

Dígame una cousa boa que fixera o PP nestes catorce anos gobernando Galicia...

É que non vexo ningunha. O que hai é moita propaganda.

Suscríbete para seguir leyendo