Vivenda, mobilidade e barrios copan o primeiro debate entre os candidatos

Entre reproches e interrupcións, Inés Rey, Miguel Lorenzo, Xan Xove, Francisco Jorquera e Manuel Moinelo falan nos medios públicos galegos de orzamentos, novos retos e pactos

Debate na TVG con Jorquera, Rey, Lorenzo, Xove e Moinelo

Debate na TVG con Jorquera, Rey, Lorenzo, Xove e Moinelo

Hai temas que foron protagonistas do debate dos candidato á Alcaldía da Coruña da TVG, o primeiro nesta campaña: como a vivenda, a mobilidade, o orzamento, as inversión nos barrios e o comercio local. Outros pasaron máis desapercibidos, como o futuro dos terreos portuarios, a seguridade ou as políticas sociais. Foron 45 minutos nos que apenas houbo debate. Foi máis unha presentación de propostas, os eixos de cada partido, aínda que tamén houbo tempo para recriminar cousas do último mandato.

En orde de aparición, marcado polo número de votos hai catro anos, Miguel Lorenzo (PP) criticou a falta de orzamento, Inés Rey (PSOE) defendeu a súa idea de “seguir avanzando” como nos últimos catro anos, Xan Xove (Marea Atlántica) centrouse na vivenda e na mobilidade, Francisco Jorquera (BNG) apostou polo comercio local e a vivenda pública, mentres que Manuel Moinelo (Ciudadanos) fixou como folla de ruta o diálogo e consenso no Concello. De feito, presumiu de ser o “único” que non levaba papeis á intervención porque asegura ter “os conceptos claros”. Todos eles falaron tamén de posibles pactos.

Antes de comezar, Rey, Xove e Jorquera amosaron o seu apoio aos traballadores de CRTVG. A actual alcaldesa quixo poner rostro ás actuacións municipais, recordando os parques adaptados “para nenos como Mario ou Paula” ou as viaxes de bus con descontos dos que disfrutan “Carmen, veciña do Castrillón, e a súa neta”. Quedou claro que a mobilidade é un asunto importante nestas eleccións. Para Lorenzo, é imprescindible “consensuar” a mobilidade sostible cos veciños para “non xerar problemas”, como afalta de aparcamento —o popular foi o único que falou durante todo o debate en castelán, e incluso Rey mandoulle unha mensaxe sobre isto xa que estaban na Televisión Galega—. Xove é mais rotundo e quere unha empresa municipal de transportes e modificar o mapa de liñas pois, lamentou, leva “30 anos” sen cambios. 

Pouco a pouco foron defendendo as súas propostas, pero tamén houbo interrupcións cando apareceu o tema da vivenda. “Este señor non para de interrumpir, está moi nervioso”, dicía Rey sobre Lorenzo. O popular prometeu “500 vivendas de oferta pública” e denunciou que hai un problema “na concesión de licencias” que compre resolver. O candidato da Marea propón “200 pisos de oferta pública” porque este é “un proxecto realizable”, e insistiu en que, nesta materia, a Xunta “non fixo nada en dez anos”, algo que tamén compartiu Jorquera. Moinelo, que non falou de ningunha proposta concreta, cre que é preciso“baixar a rúa” para coñecer os problemas de mozos e maiores, que “non poden pagar un aluguer de 700 euros”. Tamén houbo un chamamento a regular os pisos turísticos por parte de Xan Xove, que lembrou nalgúns das súas intervencións ás políticas do exalcalde Xulio Ferreiro.

Como comezaron os reproches e algunhas voces por enriba doutras, o moderador optou por deixar só un minuto de intervención para cada candidato. O comercio local e a falta de orzamento apareceron para pechar o debate. Lorenzo e Jorquera criticaron que non haxa contas, mentres Xove recordou actuacións que aínda non se levaron a cabo: “a reforma de Monte Alto, a biblioteca de Novo Mesoiro ou o centro de saúde de Santa Lucía” e sinalou a importancia de dinamizar o comercio local e os baixos baleiros. Rey viaxou uns meses atrás para recordar os Bono Presco e tamén mirou cara o futuro coa chegada da Axencia de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia), que considera “unha oportunidad magnífica” para a cidade. 

Lorenzo insistiu na falta de inversión nos barrios que, asegura, “están abandonados”, e sacou o tema da seguridade xusto cando a alcaldesa falaba de igualdade, un tema que, dixo, “non interesa ao PP”. “Queremos más Policía Local e reclamar ao Goberno central máis Policía Nacional”, apuntou o candidato do PP. Aquí tamén entrou Ciudadanos, que defende que “a seguridade é un tema grave e común a todos”, polo que pensa que hai que coordinar ao 091 e 092. Aí falou do Porto e o seu futuro, pero quedou sen tempo de explicarse. Xove tamén opinou que hai que afondar sobre os “aproveitamentos” destes espazos.

Pactos electorais

Uns non queren retornar ao pasado, como o candidato do BNG; outros queren seguir avanzando, como Inés Rey; e hai quen cree que hai “retos e oportunidades por diante”, como Xan Xove. Lorenzo busca “unha cidade líder” co “diálogo constante cos veciños” e Moinelo, que non se considera político, como confesou, insistiu no “consenso e no diálogo”. 

Aínda é cedo para saber o que sucederá o 28 de maio pero, hai posibilidade de pactos? Para a actual alcaldesa, o seu pacto é “coa cidade e cos coruñeses e coruñesas” e defendeu o seu mandato “en minoría” dos últimos catro anos. O popular Miguel Lorenzo, atento ás enquisas, “non” ve “con quen pactar” así que o seu obxectivo é a maioría absoluta. “Hai raias que nunca penso cruzar” , avisou. Marea ten “vocación de goberno” coa idea de “liderar con políticas progresistas”. Ese é tamén o reto do BNG. Jorquera dixo que “primeiro teñen que falar os cidadáns” e, despois, se existe un escenario que require dun acordo entre varias forzas, os nacionalistas serán “responsables” e porán “os intereses da Coruña por diante”. O candidato de Ciudadanos “non” ten “liñas vermellas”. “Imos pactar con todo o que consideremos bo para a cidade”, proclamou.