Entrevista | José Manuel López Varela Alcalde da Laracha e candidato polo PP

“A Laracha é hoxe un concello de referencia e queremos que a xente veña a vivir aquí”

“Estamos na zona industrial máis importante de Galicia e temos que saber aproveitalo”

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha.

José Manuel López Varela, alcalde da Laracha. / VICTOR ECHAVE

Daniel Abelenda Lado

Daniel Abelenda Lado

Leva 24 anos na Alcaldía da Laracha. Que o motiva para procurar un novo mandato?

Queremos seguir construíndo A Laracha e mellorando a calidade de vida dos veciños a todos os niveis. Significa ter melloras en cultura, educación, medio ambiente, turismo e infraestruturas. Todo iso reflíctese en datos que podemos analizar nestes momentos. Estamos gañando poboación polas empresas e emprendedores que apostan por nós para iniciar a súa actividade industrial, empresarial ou comercial. Fainos sentir orgullosos do que levamos feito ata o de agora cun amplo proxecto, non só para os tres núcleos urbanos, senón para toda a zona rural en conxunto. Queremos seguir apostando por traer novos servizos e mellorar os que hai. Este proxecto ten que ter continuidade, o mesmo que as iniciativas que empezaron nesta lexislatura e continúan a súa tramitación.

A Laracha tivo so dous alcaldes na democracia. Que explicación lle dá a esta situación?

Parece como se isto fora algo hereditario. O Partido Popular preséntase ás eleccións cada catro anos na Laracha e os veciños confiaron tanto no anterior alcalde durante unhas lexislaturas como agora no equipo que está gobernando. Tratamos de atender as necesidades e as inquedanzas dos veciños en colaboración con outras administracións. Pedímoslles que para o día 28 sigan confiando en nós.

Resulta a súa unha posición cómoda para esa data?

Non é que sexa cómoda ou non. Nós estamos estamos satisfeitos das políticas que fomos facendo. A Laracha hoxe é un concello de referencia e queremos que a xente veña a vivir aquí, que aposte polo municipio á hora de investir. Queremos que se creen esas sinerxías de residencia, traballo, benestar e calidade de vida.

Como considera impulsar a vida nas parroquias?

Hai temas a nivel parroquial que son fundamentais. Son os servizos básicos que estamos dando de abastecemento, saneamento, recollida de residuos e vías. Por fin se lle dá un empurrón despois de moitísimas xestións desde o Concello á chegada da fibra e de internet a todos os domicilios do territorio, independentemente de que se viva no centro dun núcleo urbano, na aldea ou na casa rural máis afastada. Está a vir xente que aposta polo noso rural. Son moitas as consultas e licencias de obra que se están dando para novas vivendas no rural e, tamén, para a súa restauración.

Que medidas leva para a mocidade larachesa?

A primeira é a educación. Ampliarase as instalacións do instituto. Seguimos considerando a necesidade de ciclos formativos, pero coa versión da Formación Profesional dual. Queremos que as empresas que se asenten no Concello poidan firmar os convenios de formación coa Consellería e con nós se podemos participar. Queremos ser o centro desa nova formación profesional dual. Por outro lado está o apoio económico ás familias e estudantes en todos os ciclos de ensino. E tamén as actividades culturais. Imos crear un centro xuvenil. IRestauraremos a reitoral de Montemaior para facer un cento social para a veciñanza. Tamén faremos un albergue para intercambios europeos.

Ve posible reabrir as escolas unitarias?

As escolas unitarias estanse a utilizar hoxe como centros sociais. Temos todas as facilidades por parte da Consellería de Educación sempre que haxa o número suficiente de alumnado. Non é un capricho da Alcaldía por moito que dirixan información de este tipo. Os pais teñen a oportunidade escoller o centro ao que levan aos seus fillos. Hai parroquias con suficiente alumnado para ir ás unitarias, pero prefiren levalos aos centros que están nos núcleos urbanos.

Cales son as súas prioridades económicas?

O polígono foi unha das nosas grandes apostas. Aproveitar o movemento que vai xerar o porto exterior. Agora está o 80% vendido a empresas multinacionais e das máis importantes de España. Por outra banda está o comercio. Nestes últimos bonos do concello hai 43 locais, aos que lles agradezo a implicación, e sobre 1.130 bonos solicitados. Foi un éxito. Se, a partir do día 28, os veciños seguen apostando polo Partido Popular para sigamos gobernando, dentro deste propio exercicio, se podemos, sacaremos outras medidas novas.

Cal é o seu ideal dunha Laracha mellor?

A Laracha ten que seguir mellorando en proxectos de turismo, medio ambiente, mobilidade, infraestruturas a nivel comarcal. O que é bo para A Laracha, é bo para a comarca, e viceversa. Temos unha grande oportunidade co crecemento que está tendo esta zona. Estamos na zona industrial máis importante de Galicia e temos que saber aproveitalo.