Entrevista | José Manuel Sande Candidato á Alcaldía desde Por Coruña

“O pacto á coruñesa foi un fiasco, e o Goberno saíu adiante pola inanidade da oposición”

“Municipalizaría o bus urbano e tamén o persoal das bibliotecas, é viable”

José Manuel Sande nunha cafetería nos Mallos.   | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA

José Manuel Sande nunha cafetería nos Mallos. | // CASTELEIRO/ROLLER AGENCIA / M. Villar

José Manuel Sande (A Coruña, 1972) estréase como candidato desde Por Coruña (coalición con Podemos, Esquerda Unida, Alianza Verde e independentes) pero non é novo na política: foi concelleiro das áreas de Cultura e Deporte no goberno de Xulio Ferreiro con Marea Atlántica (2015-2019). Despois de catro anos fóra do eido político, agás unha curta etapa coma senador, este programador cultural na Filmoteca de Galicia quere volver ao Concello.

A etapa como concelleiro dá experiencia para liderar un proxecto?

Eu tiña experiencia na administración como traballador da Xunta pero eses catro anos de concelleiro convertéronse nunha das cousas máis intensas que vivín na miña vida, foi un aprendizaxe constante.

Preséntase con Por Coruña, unha coalición. Os votantes como o van distinguir doutras formacións, da Marea...?

Primeiro pola actitude. Hai proxectos que se non mutan, se acaban. Hai que ser sempre fresco, ilusionante. Esta etapa de Goberno na Coruña serviu para ver que o proxecto do Partido Socialista era feble ou inexistente, saíu adiante entre outras cousas pola inanidade ou falta de firmeza da oposición.

Criticou que a Marea non quixese entrar no Goberno co PSOE.

Non o dixen claramente.

Eu entendino así.

O Goberno despois da derrota electoral da Marea era unha incógnita. Os concelleiros da Marea tiñan experiencia e a maioría dos demais non, púidose explorar esa posibilidade, pero o que houbo despois foi un sucedáneo pouco favorecedor para as partes e para a cidade. O pacto á coruñesa foi un fiasco, non houbo vontade por parte do Goberno aínda que a Marea tiña boa intención.

Se se repetise a mesma situación e o PSOE falase con Por Coruña, entraría no Goberno?

Por Coruña é esixente e está disposta a dialogar, negociar. Non vai acceder a ningún tipo de presión nin chantaxe. Habería condicións e un diálogo progresista para poder formalizar unha gobernabilidade. Vimos a influír e gobernar.

E como controlaría que se cumprise o pacto de Goberno?

Control ético, mesmo baixo notario.

Levaría ao outro partido á notaría?

Eu non partiría da desconfianza, aínda que hai precedentes perigosos. Con todas as precaucións pero si que ten que haber un control ético. Non creo nun goberno de coalición no que non haxa unha reunión conxunta, que cada un leve as súas áreas e se te vin non me lembro. Esta etapa de Goberno na cidade amosou que iso non funciona.

A presenza de Pablo Iglesias en 2015, entón líder de Podemos, na campaña a favor de Xulio Ferreiro foi un empurrón moi importante. Agora vostede contou coa ministra Yolanda Díaz. Pensa que tamén impulsará a Por Coruña?

Non xogamos a un paralelismo estrito con iso, trátase de desenvolver un proxecto propio. O de Yolanda Díaz con Sumar é un dos proxectos ilusionantes que hai a escala estatal e toda a axuda é boa.

É moi crítico co goberno coruñés deste mandato.

Viven na ocorrencia, na improvisación, na indefinición nos grandes temas. As grandes decisións da cidade non as resolveron, deixaron os conflitos para o seguinte mandato para gañar tempo. Aprazar as decisións é o peor que pode haber na política.

Todas as candidaturas fan fincapé nas propostas para os peiraos, a grande oportunidade no centro da Coruña. Que propón Por Coruña?

Equipamentos culturais e deportivos públicos. Para poñer vivenda hai outras posibilidades.

Falando de vivenda, todos os partidos coinciden en que é un dos grandes problemas. Que medidas suxire, que sexan concretas?

Aplicación da nova Lei de Vivenda, crear vivenda pública municipal de aluguer. É un problema dramático e a nivel estatal. Hai que xuntarse en serio coa Sareb. E despois medidas coma axudas á rehabilitación, buscar unha solución a tanta vivenda baleira, e incluso mercar ou expropiar o propio Concello.

O outro gran tema da campaña: a mobilidade.

Ten que haber un cambio de mentalidade progresivo. Agora parchéase, ponse peonil San Andrés pero case coma algo lúdico, sen un plan de dinamización, tampouco na Cidade Vella. En 2024 caduca a concesión de Tranvías, hai que facer unha empresa municipal de transporte, cunha conexión metropolitana. O Goberno actual entrou nos novos temos cunha mentalidade de antes e non puido asumir os retos e gobernou con ocorrencias, sen planificación na mobilidade.

Municipalizaría máis servizos?

O de axuda no fogar. E o persoal das bibliotecas municipais. Sigo pensando que funcionaría e sería viable economicamente, tamén o bus.

“Dende a dereita hai políticas do medo, alarmismos que estigmatizaron algúns barrios”

Estatísticas policiais e algunhas entidades veciñais din que aumentou a inseguridade cidadá. Percíbeo así? Que medidas tomaría?

As estatísticas grandes din que A Coruña é unha cidade segura. É posible que haxa un aumento de delitos por circunstancias, pero hai que analizar a inseguridade de forma ampla. Hai que distinguir problemas de seguridade e problemas de convivencia, que ás veces se confunden. E dende a dereita hai un alarmismo deliberado, políticas do medo porque se cre que favorecen, e tamén por electoralismo Eses alarmismos serviron para estigmatizar algúns barrios. Poden facer falta axentes, tanto na Policía Nacional como na Local e en xeral na administración pública, dende a crise. Falta un tratamento máis pedagóxico e transversal, cunha mediación.

As enquisas din que hai moito indeciso. Que lles diría para convencelos de votar a Por Coruña?

Que somos valentes, honestos, sen nada de arrogancia, que vimos con medidas coherentes para transformar a cidade porque a vida nestes últimos catro anos foi moi apagada, de tapadillo, fuxindo dos grandes temas. Nós vimos a resolvelos e encaralos.

Como concilia vida política, traballo, vida persoal?

É moi difícil. En 2016 cando naceu o meu neno propúxenme repartir mellor o tempo pero a política municipal é moi axitada, require presencialidade, organizarse moito.

Suscríbete para seguir leyendo