Estefanía Busto | Candidata polo BNG en Oza-Cesuras

“O mandato foi máis do mesmo: seguidismo, populismo, venda de favores e cero apertura”

Estefanía Busto.   | // LA OPINIÓN

Estefanía Busto. | // LA OPINIÓN / Antares Pérez

Como vai a campaña?

Ben, en xeral eu percibo como máis simpatía cara a nós, máis achegamento desta volta.

Que balance fai destes catro anos?

Máis do mesmo. Non houbo cambios substanciais. Seguidismo, populismo, venda de favores, cero apertura,... Non se teñen nada en conta as propostas que facemos desde a oposición ou mesmo as da veciñanza. E logo, a nivel persoal, esta última lexislatura foi especialmente desagradable en canto aos plenos, o trato persoal, foi moi bronco, moitísima tensión por parte do alcalde, nalgunha ocasión fíxose moi desagradable.

A que atribúe esa crispación?

Pois non se se é que está nervioso polos resultados ou se responde a outro tipo de cuestións, pero desta volta fíxose bastante feo.

Percíbese tamén moito malestar no municipio polo bum eólico. Creáronse moitas plataformas, nótase preocupación. Cree que lle pode pasar factura ao PP?

Honestamente, espero que si porque o Goberno local xogou a dúas bandas. Realmente non é que haxa unha oposición firme, dille unha cousa ás plataformas pero despois o PP fai outra cousa. Eu teño claro que nós somos a única forza que defendemos o mesmo en todos os sitios nos que estamos. Por outra banda, está moi ben que a veciñanza se organice e empece a ser parte activa, é moi necesario que haxa máis movemento social.

Cales serán as prioridades do BNG se goberna?

O primeiro, o benestar das persoas, todo o demais é accesorio. O primeiro é ter cubertas as necesidades da xente. Falo, por exemplo, de reforzar o servizo de axuda no fogar e coidar de quen coida, que as empregadas teñan os seus dereitos laborais garantidos porque iso vai garantir que os usuarios estean ben atendidos. Outra prioridade é o centro de día, o que se nos venderon agora non é realmente un centro de día, é un lugar no que deixar ás persoas unhas horas, pero sen ningún tipo de atención asistencial. Hai once anos xa da fusión e seguimos esperando. E logo, creo que é moi importante o tema da mocidade, non hai oferta cultural ou de lecer de ningún tipo. Levamos anos esperando pola biblioteca e non hai nada respecto diso. E despois está o tema do transporte....

Por que? É moi deficitario?

Si, fan falta máis frecuencias para que a xente poida ir á Coruña a estudar ou traballar sen depender dun coche propio.

E algún proxecto que lle faga especial ilusión poñer en marcha?

Moitas cousas, todo o que lle acabo de dicir, pero creo que especialmente servizos á mocidade e a rapazada, que teñas ofertas, porque o eslogan de Oza-Cesuras é un bo sitio para vivir está ben, pero que realmente o sexa, non somos un concello residencial por moito que o queiran vender así, para que a xente queira vivir aquí ten que ter servizos, pediatra, transporte… Para nós tamén é moi importante potenciar o patrimonio natural e cultural, non malvenderlo ás eléctricas. En Monte do Gato poderíanse facer infinidade de cousas, en Reboredo, Fervenzas da Rexidoira... temos un patrimonio brutal. Só hai que ter un pouco de vontade.