A Xunta sérvese da IA para impulsar o emprego en Galicia

Pon en marcha unha nova ferramenta para sincronizar a oferta e a demanda en tempo real

Estrea un pioneiro programa de seguimento para atender os perfís con maiores dificultades

Oficina de emprego 
de Navia (Vigo).

Oficina de emprego 
de Navia (Vigo). / Cedida

B.C

A Xunta está a implementar medidas que permitirán adecuar paulatinamente a demanda de emprego á oferta e, deste xeito, acadar a redución do desemprego.

Nese senso, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a potenciar as políticas activas de emprego mediante a aplicación de novas ferramentas de intelixencia artificial e big data, así como cun programa de seguimento da demanda de emprego a persoas con dificultades para atopar un traballo

Propostas que se enmarcan na continua modernización das oficinas de emprego e que se suman a outras como a mellora da formación do persoal das oficinas ou o reforzo do servizo de orientación laboral.

Emprego Intelixente

Coa nova ferramenta tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente) das oficinas de emprego, sincronízase oferta e demanda en tempo real grazas á intelixencia artificial e á analítica avanzada. Un sistema que xa se comezou a probar de xeito piloto nas oficinas de Pontevedra e Cambados (na provincia de Pontevedra) e na coruñesa de Ordes. 

A Xunta sérvese así dun novo software informático de xestión da información relativa á oferta e demanda de emprego na nosa Comunidade, que dotará a Emprego Galicia dos recursos, procesos e ferramentas que require para ser a institución central do sistema de emprego, á que corresponde construír e manter un vínculo permanente entre traballadores e empregadores.

A través desta nova ferramenta trátase de identificar as necesidades do mercado de traballo en tempo real e de adaptar a formación e os itinerarios formativos a ditas necesidades, axustando de xeito áxil e de maneira máis efectiva os perfís coas candidaturas.

Utiliza así a business intelligence, o big data e a intelixencia artificial para optimizar os procesos de formación e colocación en prol da xeración de máis e mellor emprego en Galicia. Entre outras funcionalidades, o sistema conta cun navegador competencial, cun emulador de ocupacións e cun recomendador de formacións.

Programa de seguimento

O programa de seguimento intensivo da demanda de emprego busca axudar e apoiar de xeito máis personalizado a aquelas persoas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia que presentan dificultades para atopar un traballo co obxectivo de integralas o antes posible no mercado.

Así, búscase outorgar ás persoas demandantes información completa e explicarlles de xeito individual os recursos que lles ofrece o Servizo Público de Emprego de Galicia coa finalidade última de mellorar a súa empregabilidade, como o establecemento ou modificación do seu plan de traballo personalizado ou itinerario de inserción. 

Concretamente, o programa pretende axudar e revisar polo miúdo a situación das persoas demandantes de emprego que: rexeitan unha oferta ou abandonan sen xustificación un servizo de orientación ou formación ou mixto; leven máis de 5 anos inscritas de xeito ininterrompido no Servizo Público de Emprego de Galicia sen acceder a un emprego e non teñan un itinerario ou plan personalizado de emprego (IPE) activo nos últimos 12 meses;as que non confirman a súa dispoñibilidade a 3 ofertas nun ano; ou as que non se presentan en citas de orientación laboral nos centros colaboradores do Servizo Público de Emprego de Galicia e non sexa posible o seu contacto telefónico e, ademais, non teñan un itinerario ou plan personalizado de emprego activo. 

Así, o programa activarase cando nunha oficina de emprego se rexistre algunha das casuísticas anteriores. A Xunta vai achegarse a estes perfís co espírito de facer un seguimento máis intensivo e personalizado para integralas no mercado de traballo, tratando detectar carencias do sistema ou do demandante, redefinindo o seu perfil e itinerario de inserción laboral, e intensificando a relación e o intercambio de información.

As persoas encargadas de desenvolver este novo programa serán as e os 136 novos orientadores laborais cos que a Xunta reforzou o Servizo Público de Emprego de Galicia. Este reforzo de persoal en toda Galicia, xunto coas ferramentas que proporcionan as novas tecnoloxías, permitirán identificar a estas persoas e facer un seguimento máis polo miúdo das súas circunstancias persoais e laborais. 

[object Object]

Á aposta da Xunta pola incorporación do último en tecnoloxía de business intelligence, big data e intelixencia artificial, súmase o investimento continuo en equipamento. Neste senso, o Goberno autonómico realizou obras de mellora e adquiriu novas infraestruturas para a rede de oficinas de emprego, cun investimento dun total de 3,3 millóns de euros en 2023. 

Mentres, á dixitalización do Servizo Público de Emprego de Galicia, destínanse case medio millón de euros (489.000 euros). A maiores, cómpre destacar a mellora da formación das persoas traballadoras do Servizo de Emprego de Galicia: con máis de 405.000 euros;e o mencionado reforzo do servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección empresarial, composto por 136 novas persoas orientadoras, grazas a un investimento de preto de 5 millóns de euros.

Estes136 novos orientadores incorporados ás oficinas de emprego de xeito permanente desenvolverán para levar a bo termo este programa que porá o acento nas persoas que presenten as seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses; as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou plan personalizado de emprego activo.  

O Goberno galego quere facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os servizos de emprego liderados pola Administración autonómica, polo que está comprometida cun proceso de modernización sen precedentes que quere pór no centro ás persoas, pero tamén ao tecido empresarial, para atender as necesidades de ambos os dous.