Pilar Mera.Todos os políticos galegos celebraron esta semana o Día das Letras Galegas, en diversos actos e cerimonias nos que louvaron á homenaxeada deste ano, María Mariño, e subliñaron a importancia de respectar e conservar a lingua galega. Mais o galego que falan os principais líderes políticos, Emilio Pérez Touriño, Anxo Quintana e Alberto Núñez Feijóo "deixa moito que desexar", segundo denunciou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón. -Cal dos tres, Touriño, Quintana ou Feijóo, leva peor nota en lingua galega?-O que peor fala, e con moita diferencia, é Touriño. Comete moitísimos erros fonéticos, morfolóxicos e sintácticos, e mesmo inventa palabras como "trabuco", "artígolo", "houra" ou "fundamentai". O seu galego é impropio da súa formación como profesor universitario e moito máis impropio dun presidente da Xunta. -Daquela, suspenso para o presidente?-Si, e non chega nin ao insuficiente, senón máis ben ao moi deficiente. Eu daríalle, como moito, un dous. O mellor dos tres é Anxo Quintana, nótaselle que ten vontade de estilo e que usa o galego no eido privado porque ten fluidez no falar, pero aínda así levaría só un seis, pois ten moito que mellorar: antepón o pronome cando non debe, ten demasiados ourensanismos... -E Núñez Feijóo?-Tamén estaría suspenso, pero aínda tería mellor nota que Touriño. Nótaselle que só fala o que leva no guión, é demasiado artificial. -Como interpreta estes resultados?-Todo isto demostra, por unha parte, unha gravísima situación de impostura, de falsidade de cara ao galego por parte dos políticos: só o falan diante das cámaras e en días como o das Letras Galegas éncheselles a boca dicindo canto o queren e o defenden, pero nóstaselles que é artificial, que non o falan. E por outra banda é proba do desleixo absoluto que teñen pola lingua, porque se realmente lles interesase o galego, cando menos, intentarían falalo mellor. Pérez Touriño debería tomar exemplo do presidente catalán, José Montilla, que en canto chegou á Generalitat decidiu apuntarse a unhas clases para mellorar o seu catalán.