O Ministerio de Fomento, a través de Renfe, substitúe hoxe os últimos trens rexionais que prestan servizo entre A Coruña e Vigo por trens de Media Distancia (MD) de última xeración da serie 599, como os que se estrearon o pasado mes de xullo e o pasado 13 de decembro.

Os novos trens MD teñen a súa saída de A Coruña ás 15.32 e de Vigo ás 18.45, segundo informou o ministerio. Tamén circulará como MD o tren que une os domingos e datas puntuais Vigo e Santiago, con saída da cidade olívica ás 20.25 horas. Os horarios e paradas dos novos MD serán os mesmos dos trens aos que substitúen, "non así as condicións de confort, que mellorarán considerablemente", engadiron as mesmas fontes.

O pasado 13 de decembro, coincidindo co cambio de horarios no Eixe Atlántico, Renfe ampliou de 6 a 12 os servizos MD, ao substituír seis servizos rexionais, que realizaba con trens da serie 592, por outros tantos servizos MD que comezaron a prestarse con novos vehículos da serie 599.

Hoxe substituirá os dous últimos rexionais que prestaban servizo entre A Coruña e Vigo polos modernos MD. A partir de mañá, polo tanto, só quedarán en funcionamento no Eixe Atlántico tres servizos rexionais en cada sentido entre Vigo e Pontevedra. O resto prestarase con trens das series 598 ou 599 (MD).

O tempo de viaxe entre A Coruña e Vigo reduciuse dende o pasado 13 de decembro coa entrada en vigor de novos horarios que permitiron que os trens se beneficien da conclusión das obras da liña férrea A Coruña-Santiago. A mellora de tempos notouse de forma especial no traxecto entre a cidade herculina e a capital galega, onde os trens empregan 35 minutos en cubrir a distancia que separa ambas as dúas cidades.

Os novos vehículos da serie 599 dispoñen de 182 asentos aos que hai que engadir unha praza para persoas con mobilidade reducida e poden alcanzar velocidades de 160 quilómetros por hora. Dispoñen de clase única e inclúen asentos fixos reclinables de alto confort, monitores de 17 polgadas, portaequipaxe, enchufes en cada asento, luz individual de lectura, ancoraxes para o transporte de bicicletas (admítense un máximo de tres por tren) e zona con máquina de autovenda, entre outras melloras.