Galicia contará pronto cun dos laboratorios máis punteiros do mundo na loita contra o cancro. A multinacional farmacéutica israelí Virolab Internacional instalará na comunidade a súa nova e punteira base de operacións, que inclúen un laboratorio de investigación e unha nave industrial para fabricar medicamentos. Segundo os seus promotores, a firma investirá máis de cen millóns de euros neste proxecto, que se estima que xere 600 postos de traballo directos, a maioría deles na fábrica, e darredor doutros 1.500 indirectos nos sectores do transporte, almacenaxe, paquetería e etiquetado das menciñas, seguridade, mantemento e operarios.

A falta de que se concreten as cuestións loxísticas nos próximos dous meses, o laboratorio -que se dedicará a investigar as posibilidades de crear unha vacina que ralentiza os tumores- estará ubicado no campus da Universidade de Santiago, mentres que a nave onde se fabricarán os medicamentos e se almacenará o material previsiblemente se instalará en Lugo.

Negociación

Logo de varios meses de negociación entre a firma, a Administración central e as comunidades que se disputaban a sede do laboratorio (ademais de Galicia, as dúas Castelas, Madrid e Cataluña), finalmente Virolab decantouse pola opción galaica, en parte debido ás subvencións e axudas que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo ofreceu á compañía. Tamén foi determinante a intervención da recién creada Cámara de Comercio Galicia-Israel, presidida por Francisco Linares.