O pasado martes, someteuse a votación o ditame emitido pola comisión especial de incendios. Despois de estudar a diagnose deste, que reflicte bastante ben o que os e as comparecentes puxeron de manifesto en dita comisión, non entendemos, dende o grupo parlamentar de En Marea cal foi o motivo polo que o equipo redactor do Partido Popular non foi quen de ser valente e resolto a hora de redactar unhas recomendacións a altura do que este país se merece.

A día de hoxe, en Galiza, os incendios forestais son un problema. Ano tras ano asolan o noso país, queiman casas, patrimonio, fauna, custa vidas, arde o noso monte e con el a nosa alma. Contra iso hai solución, mais hai que ter vontade e traballar con políticas de cara a un país, a unha sociedade, e non de cara a empresas privadas que gastan moreas de cartos na extinción de lumes, ou empresas pasteiras que son as que lle din o executivo de Feijóo como ten que ser o plan forestal de Galiza para o seguinte lustro.

Dende En Marea fomos conscientes nesta comisión dos múltiples factores existente detrás dos lumes. Unha das causas estruturais dos incendios é un modelo de país sustentado no exterminio planificado do medio rural e que outro tipo de actores entren no taboleiro de xogo. Así, a megamineiría ou a eucaliptización do país cada vez o terá máis doado (véxase a Lei de Fomento de Iniciativas Empresariais, ou "Lei de Depredación de Galiza").

Dende En Marea observamos atónitos como emendas de vital importancia para engadir a este ditame foron rexeitadas polo Partido Popular. Falamos das comunidades de montes veciñais en man común, falamos de superficie agraria útil, de ordenación, de información, de protección de patrimonio e biodiversidade, falamos do servizo público de defensa contra incendios forestais.

O ditame emitido pola comisión, non muda substancialmente a problemática dos incendios forestais no noso país, polo que dende o grupo parlamentar de En Marea, emitimos emendas e votos particulares, que por desgraza, non chegaron a bo porto.