O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado O galeg o campa! botou a andar onte a súa oitava edición na localidade coruñesa de Porto do Son. Como cada ano, esta iniciativa de dinamización lingüística busca promover a galeguización das actividades educativas de tempo libre en Galicia con dinámicas que animen aos mozos participantes a expresarse e desenvolver actitudes positivas cara a lingua galega.

Nun total de 22 campamentos que se realizarán durante o verán levaranse a cabo actividades que permitan introducir de modo empático a lingua galega nos campamentos xunto con propostas educativas que favorezan a reflexión e a innovación dos métodos que empregan os profesionais que traballan na campaña de verán e intervencións no tempo libre de calidade co galego como referente.

Nesta edición o obxectivo vai máis alá da dinamización lingüística e combínase coa sensibilización fronte á violencia de xénero. De feito, o programa desenvolveuse grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística coa Secretaría Xeral de Igualdade e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Polo tanto, este ano están implicadas no proxecto as consellerías de Cultura e Turismo; Presidencia, Administracions Públicas e Xustiza; e Política Social.

O galego ca mpa! suma desta vez ao traballo en lingua e mocidade o dos valores da igualdade entre homes e mulleres, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero, "todos eles imprescindibles para os mozos e mozas que teñen nas súas mans o futuro da sociedade galega e a transmisión e pervivencia do noso idioma propio", como destacou onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que asistiu á presentación do proxecto no campamento xuvenil Virxe do Loreto de Porto do Son. O campamento sonense acollerá a 420 rapaces e rapazas que desfrutarán de actividades de convivencia e deportes acuáticos, como surf ou kaiak. Trátase dun dos 22 campamentos da Acción de verán que se levarán a cabo ao longo da xeografía galega nos meses de xullo e agosto.

Á presentación da oitava edición de O galego campa! tamén asistiron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel. López Abella destacou a importancia de iniciativas como esta, que permiten traballar a educación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero entre as xeracións máis novas, "onde aínda se detecta a existencia de estereotipos de xénero cos que é preciso rachar".Pola súa parte, a directora xeral subliñou a importancia de achegarlle á mocidade ferramentas e formacións que lles son útiles na súa vida diaria.

Os obxectivos de O galego campa! seguen as liñas de traballo fixadas no Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade 2019-2022 elaborado pola Xunta de Galicia que se presentou a principios de mes no Parlamento galego. Tamén recolle as directrices incluidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, da man da Secretaría Xeral da Igualdade e no marco da campaña Nós contra a violencia.

Conversas para falar de amor

O lema desta edición é Canto te quero: con versas en grupo para falar de amor, unha dinámica coa a que as administracións involucradas en O galego campa! buscan cumplir tres obxectivos: introducir a reflexión con perspectiva de xénero nos campamentos; axudar a identificar a violencia de xénero; e promover a toma de posicións que axuden a minorar comportamentos que poidan derivar en abusos e faltas de respecto. Para logralos, realizaranse actividades adaptadas ás idades e perfís dos participantes de cada campamento ata achegar aos rapaces á exposición da Secretaría Xeral da Igualdade Á violencia de xénero... dille NON!. Estas actividades incluirán a argumentación, o debate, o teatro e o xogo, porque unha participación lúdica pode lograr mellor a implicación dos para que mensaxe funcione.

Repositorio dixital

Como sempre, O galego campa! incluirá novos materiais para o Repositorio dixital de tempo libre en galego, de libre acceso desde o Portal da Lingua Galega ( www.linguagalega.gal) e dispoñible non só para educadores senón para calquera persoa interesada. Non se trata de actividades soltas senón de sesións completas con varios pasos cun final de reflexión persoal e unha actuación educativa colectiva. Nesta edición as propostas están orientadas a fomentar o diálogo en galego arredor da igualdade entre mulleres e homes, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero. Ademais destas dinámicas de educación global o repositorio inclúe outras iniciativas de dinamización con modelos e exemplos de actividades de presentación, por equipos, de confianza, xogos ou propostas musicais e parateatrais que os monitores poden empregar nos campamentos.

Na provincia da Coruña o programa chegará ata o 8 de agosto aos campamentos Xuvenil Virxe do Loreto de Porto do Son, Mariña Española de Sada, Gandarío de Bergondo, Furelos de Melide, Espiñeira de Boiro e Granxa Zoo Grixalba de Sobrado. En Lugo estará presente en Area (Viveiro), Benigno Quiroga (Portomarín), A Devesa (Ribadeo), Os Chacotes (Palas de Rei) e Poboado Os Peares (Carballedo). En Ourense tamén se aplicará esta dinámica no campamento Penedos de Xacinto de Entrimo, Estación de Montaña de Manzaneda de Manzaneda, Complexo O Corgo de Muíños, Albergue A Vilavella de A Mezquita e Residencia Xuvenil Florentino Cuevillas na capital ourensá. E na provincia pontevedresa chegará á mocidade que participe no campamento As Sinas de Vilanova de Arousa, Pontemaril de Forcarei e Illa de Ons de Bueu.

Os interesados poden consultar a información e o calendario no enlace www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.