O gran Ánxel Vence apuntaba sempre nestas páxinas, en tempos da vella monarquía de Don Manuel, os parecidos dos tempos modernos co vello reino medieval galego. Os resultados de onte amosan que tras un breve tempo de anarquía o vello reino voltou as súas raíces no máis profundo dos tempos fraguistas. En efecto o Parlamento do Reino volta a ser como foi sempre, con só tres partidos, o hexemónico de toda a vida e os outros dous que disputan pola preeminencia na oposición a agarda de que o rei cometa ou erro ou se retire e poder así recuperar a o coroa. A vitoria do ganador non é sorpresa pois dende que Hermerico, Requila e Requiario fundaron o reino Suevo viñan ganando na nosa terra sempre os mesmos e con resultados moi semellantes. A luita de verdade deuse entre as casas pretendentes ao cetro do reino. Esta vez a casa nativa, o BNG, resisitiu e derrotou tanto as tropas nativas como os reforzos en forma de ministros e alcaldes que chegaron de alén do Padornelo. Un deles perdeu a batalla, a pesar de contar con numerosos feudos locais en forma de concellos e deputacións. e os apoios do propio presidente do governo, que pareceu non tomarse moi a serio a defensa do seu aliado galego. Non fixo ningunha promesa de relevancia nen nengún xesto de aopoio máis alá do protocolario. Resistiu e mellorou un pouco, si, pero sobre os resultados dun PSOE inserido nunha dura luita fratricida entre Sánchez e Susana Díaz. E con este resultado perdeu a primoxenitura da esquerda galega. Muito máis aplastante foi a victoria sobre a Marea galeguista e Galicia en Común. A primeira partía con presenza no parlamento galego e co seu conseguente tempo institucional de publicidade, como segunda forza que fora, e quedou reducido a marxinalidade, por debaixo do PACMA. A outra era se cabe máis forte, pero a pesar de contar con cadros mais coñecidos das vellas mareas, incluidos exalcaldes de renome, e co apoio dun vicepresidente e varios ministros non foron quen de resistir a ofensiva do BNG. A súa principal líder en Galiza optou por non dar a batalla aquí e a súa tropa local desbandouse e pasouse ao inimigo.

O vello reino de Galiza tiña sona de enredar non só aquí senon na política do reino de Castela tamén. Os condes de Trabada e o arcebispo Xelmirez teñen bos continuadores no noso tempo pois os resultados do combate local van afectar seriamente a política española. Na dereita o sú lider na corte quedou seriamente tocado, pois Feijóo seu principal rival no dominio da organización non seguiu súa política e gañou e eliminou de paso aos rivais polo espazo do centro-dereita. Onde a seguiron como en Euskadi non só perderon votos, senon que foron cómplices da entrada dun dos seus rivais Ciudadanos e ademais entroulles Vox a competir polo espazo. Non parece unha xogada moi hábil dos xefes do PP.

Pero mais daño lles fai as esquerdas o resultado da batalla. No caso dos aliados madrileños de Galicia en Común é moi probable que comece a desbandada para tentar buscar sitio noutras formacións, algo que tamen pasará me temo no vello reino. No caso do PSOE estatal é certo que aparentemente non foron moi dañados pero tamen o é que repetiron os resultados de Pedro Sánchez, pero os de cando estaba na oposición non os de Sánchez no poder que foron muito mellores. Non sería de extrañar que a posición do presidente comece a ser erosionada e que aparezan pronto os primeiros movementos opositores. Pero o único certo é que o vello reino manten sen cambios a súa vella e tradicional forma de gobernarse.