Ante o final da negociación co resto dos territorios e o Ministerio de Agricultura na futura Política Agraria Común para os anos 23 ao 27, o conselleiro de Medio Rural comeza a amosar os nervios. No inicio do proceso non tratou de buscar acordos coa oposición e mesmo evitou comunicarnos a posición pactada co resto da cornixa cantábrica, pero agora quere levar adiante conversas cando xa están a punto de rematar as negociacións.

O señor González Vázquez quere agora un apoio sen fisuras á súa xestión ante a posibilidade de non conseguir un bo acordo para os nosos agricultores e gandeiros. Pero de igual xeito que cando esiximos un orzamento axeitado para o noso país ao ministro de Agricultura, Luis Planas, quen encaraba en Europa unha negociación moi complexa e que tivo un feliz desenlace, agora tócalle ao conselleiro amosar as súas virtudes como político para ser capaz de convencer ao resto dos territorios da necesidade de que os nosos sectores sexan protexidos e impulsados polos vindeiros fondos europeos.

Galicia careceu de orientación política para os nosos sectores agrarios durante os sucesivos gobernos do PP, algo que se pon de manifesto na caída dun 25% da renda agraria na década dos 90 e no feito de que nove de cada 10 explotacións desapareceron dende a entrada de España na UE. Andalucía, por exemplo, conseguiu que unha provincia como Almería —que partía dunha situación agraria similar á da peor das provincias galegas nos anos 60 e 70— agora teña uns 3.000 millóns anuais de produción agraria, é dicir, 10 veces máis que todo o que reciben os produtores forestais de Galicia. O mundo agrario galego perdeu 55 millóns do PDR na PAC 2007-2013 e nos sucesivos gobernos de Rajoy o Estado pasou de achegar os 320 millóns de euros adicionais fixados polo goberno Zapatero a uns 134 millóns no 2012 e uns 100 no 2015, cun Feijóo que daquela calaba e agora esixe que se recupere a aportación do Estado anterior ao seu goberno.

Europa definiu a nova PAC como un proceso participativo, pero mentres o goberno de España levou a cabo un proceso de consulta sen precedentes, en Galicia non existiu participación e o goberno subcontratou a nosa posición: é preocupante que non se lle pregunte aos nosos gandeiros e agricultores cal é a súa opinión sobre algo esencial para o seu futuro.

Os e as socialistas cremos no papel da definición do agricultor xenuíno, no pagamento redistributivo para as primeiras hectáreas como medida de protección das pequenas e medianas explotacións con reforzamento do peso dos ingresos agrarios no cálculo, no mantemento do nivel de axudas acopladas para a gandería galega, nos pagos compensatorios por desvantaxes naturais, especialmente nas zonas de montaña; cremos nun ecoesquema simples e accesibles a todos, en certificacións en agricultura ecolóxica e alto valor medioambiental que sirvan de alicerce do impulso da agricultura; cremos no carácter imprescindible do asesoramento, o coñecemento, a innovación e dixitalización. Ademais, cremos na importancia de reforzar un sistema de asesoramento que en Galicia acumulou anos de retraso na aplicación dos ecoesquemas, e na necesidade de aproveitar as sinerxías coas medidas agroambientais e climáticas do segundo piar: para este asesoramento deberan ter importancia os centros de investigación públicos de Galicia, que acabamos de ver como está a precarizar o goberno galego.

Estaremos atentos para ver se o goberno galego está a altura dunha negociación onde o conselleiro debe demostrar se sabe defender as necesidades dos nosos sectores.

*Deputado do PSdeG e membro da Executiva galega